blix



Fina Casalderrey: A lagoa das nenas mudas
Ilustracións de Patricia Castelao

Col. Sopa de libros, 33. Eds. Xerais. Vigo, 2007

A lagoa das nenas mudas

Á volta das vacacións de Nadal don Ignacio, o titor, anuncia na aula que ao día seguinte vai vir Amina Nwapa, unha compañeira nova de Nixeria que só fala inglés. É todo un acontecemento naquel colexio afastado do centro da cidade onde nunca antes se matriculara ninguén de tan lonxe. Entre a expectación de todos, pídelles que se porten ben con ela. Pero algúns como Severo mostran xa os seus receos racistas. Logo, Sara, a mestra de inglés que viviu unha arriscada aventura na África profunda, quere que preparen frases en inglés para recibir a Amina. Ao día seguinte, mentres agardan a aparición da nova compañeira, Severo fachendea de que un seu antepasado estivera en África e mesmo lles botara escravos negros e enfermos aos cans salvaxes. E a boa e calada de Ío rompe a chorar, conmovida. Como tamén queda impresionada co relato de Sara, que conta como se atopou de pronto soa entre unha manda de búfalos, axexada por un león famento e rodeada por unha cobra enorme que a enchoupou de sangue cando conseguiu esmagarlle a cabeza coa maleta. Así, o Día da Paz, logo de recitar un poema sobre os malos tratos que foi acollido cunha ovación por todos, Ío desaparece da cidade.
Alternan os capítulos do colexio con cartas nas que Amina lle conta a seu querido curmán Edu a súa alegría por poder pasear pola rúa libremente, pois ela e a nai, que escaparan do país logo de que lles derrubasen a súa chabola e o pai morrese de malaria, xa son residentes legais; o seu nervosismo porque vai entrar no colexio, que fai que a noite anterior esperte sobresaltada e non poida seguir durmindo; as súas dificultades de comunicación cos compañeiros polo descoñecemento do idioma, aínda que Ío se esforza por axudala na súa integración debuxándolle os sucesos do relato de Sara para que entenda a perigosa aventura da mestra; que bota de menos a luz de África e dóelle a dureza do frío, ao que non está afeita; que aprende un poema en galego que lle regalou o guapo de Severo para recitalo ante toda a clase; que ao día seguinte todos os compañeiros aparecen coa cara pintada de negro e din en alto que tamén son africanos, en desagravio polo poema, que ela lera ilusionada sen saber que era insultantemente racista...
E que consegue atopar a desaparecida Ío nunha casa abandonada onda a lagoa que aparece reiteradamente nos seus debuxos. Nas súas paredes debuxara un ogro: o pai, que mallaba á súa nai. Agora é a lagoa das dúas, a "lagoa das nenas mudas".
Pasou un mes. E todo cambiou para Amina. Até Severo quere ser amigo dela: regaloulle un fermoso poema.

128 p. - 20x13 cm.                                                       ISBN    978-84-9782-521-4



Traduciónslinha

Castelán Silence!: el lago de las niñas mudas
Il. Claudia Ranucci - Trad. Cynthia Donson
Col. Tus books. Eds. SM. Maxi Luchini , 2006
92 p. - 19x12 cm / ISBN: 978-84-675-0903-8

Recensiónslinha

.  
  .  Isabel Soto - Consello da Cultura Galega na rede
.   Salvados pola diferenza - La Voz de Galicia



Opinion