blix



Varios: Historias para calquera lugar
Ilustracións de Miguelanxo Prado
Col. Merlín. Edicións Xerais
Vigo, 2001

Historias para calquera lugar

Celebrando a chegada ao número cen da Colección Merlín, publícanse cinco relatos orixinais de algúns dos autores máis destacados que nela teñen obra.
En A muller prohibida de An Alfaya conta un rapaz os paseos co padriño, xa maior e con lagoas na memoria, nos que este lembra dous momentos felices: a morte do dictador Franco e a fugaz visión do lombo nu da fermosísima muller do mestre, a muller prohibida da súa nenez, nunha imaxe que permanece aínda na súa retina logo de tantos anos. O afillado convértese así na súa memoria.
Ramón Caride refire en A primeira aventura de Sheila e Said un suceso da primeira infancia dos dous irmáns protagonistas dunha serie de libros que se desenvolven na sexta década do século XXI ("Ameaza na Antártida", "Perigo vexetal" e "O futuro roubado"). Ante un ataque dos inimigos do seu pobo, teñen que fuxir cos outros nenos do oasis no que viven a unha cova, onde unha patrulla os descobre pero respecta a súa temperá idade. Instaurada a paz, instálanse co avó no muíño de Loreda, a vella casa familiar.
O narrador de As sombras do faro, de Agustín Fernández Paz, recorda cando chegou a Pontebranca para facer o primeiro curso de bacharelato. A torre dun vello faro, sobrevoada polos corvos decote, que todos os veciños prefiren ignorar, é o escenario do seu misterioso descubrimento duns seres fantasmais. A ousadía de acercarse a ela provoca as ameazas dos vilegos contra o intruso, a prohibición de seguir saíndo coa moza e o traslado familiar para unha cidade próxima. Agora, trinta anos despois, leva rosas vermellas á torre, sabedor de que fora escenario de fusilamentos na guerra civil. Tapiado o pozo no que botaron os "roxos", converteuse nun obxecto de visitas turísticas.
Do que lle aconteceu a Silvano a consecuencia de caer dunha cerdeira de Xabier P. Docampo conta o acontecido a un rapaz traste cando caeu da cerdeira e deu en desfalar, en dicir as palabras ao revés. Os médicos do hospital non dan co remedio, pero si a avoa: unhas boas lapadas corrixen parcialmente o defecto e provocan nel a facultade de desencadear a realización dos seus desexos. Un día xogando ao fútbol mandou a pelota ao lousado da casa, concentrouse en subir por ela pero non foi capaz de dosificar mentalmente o descenso sen arriscarse a levar unha boa zoupada. O esgotamento puido con el e, medio durmido, caeu enriba do pai. Desde entón fala perfectamente e non ten poderes mentais. Pero o pai fala ao revés. A avoa terá que aplicar novamente o seu remedio, pois, morta como outras veces, regresará outravolta cando a enterren sen a dentadura.
Miguel Vázquez Freire sitúa A secta do can nunha megacidade do século XXII. Ax recibe o encargo de destruír o xefe da Secta do Can. Os seus seguidores entremétense en ciberpantallas privadas e nas dos centros de ensino ou dos estadios deportivos con mensaxes contrarias á Orde Única Universal. Coa axuda do axente de pantalla Alf, localiza a un mozote recluído no seu turullo desde hai tres anos, cando estivo a piques de morrer na escola por mor dun abuso que a dirección non penalizou. Solidarízase con, manipulan os circuítos de Alf e foxen xuntos da macrocidade. En plena natureza, Ax recorda os tempos nos que os humanos non se deixaban mandar polas máquinas.

224 p. - 19x14 cm.                                                          ISBN    84-8302-626-0



.  
MATERIAIS

  .  Proxectos de Animación á Lectura - Edicións Xerais




Opinion