blix



Breogán Riveiro, Fran Alonso, Elvira Pérez e Carlos Mosteiro:
Historias para ler e mirar
Ilustracións de Fausto Isorna

Col. Lagarto Pintado. Dirección Xeral de Creación e Difusión Cultural
Xunta de Galicia. Santiago de Compostela, 2007

Historias para ler e mirar

Nova entrega desta colección editada pola Xunta de Galicia en conmemoración do Día Internacional do Libro Infantil, coa colaboración da Asociación Galega do Libro Infantil e Xuvenil (Gálix). Recolle catro relatos:
A viaxe, de Breogán Riveiro parte do premio que por ter deixado de fumar se regalou a si mesmo o pai de Suso: un GPS. Para estrealo montaron no coche e deixáronse guiar por el deica o supermercado, a trescentos metros, e mesmo marcharon a Santiago para xantar nun restaurante xaponés pescado cru. Na estrada, soluciónabanlles os problemas os indicadores sen necesidade do GPS, e na cidade apareceron rúas con dirección prohibida e mesmo unha peonil, polo que chegaron ao restaurante preguntándolle a unha muller. El non o quixo usar máis. Agora úsao a avoa para os seus paseos e os vellos do parque devecen pola voz feminina que se escoita indicándolles o rumbo.
Fran Alonso entra no Café Tropical, un Café virtual ao que vai a xente para cumprir os seus anceios, persoas solitarias como o Velliño (que coa súa longa tristura de elefante dicía vir do País dos Soños), a Personaxe (unha nena alegre e divertida que quería ser Persoa e non habitar só nas narracións) ou o Cazador de Bolboretas Brancas. Ten unha Máquina que cumpre todos os desexos. O Neno é quen mellor a manexa, o Rei da Máquina. Decide cambiar o Café e as persoas: cambia as flores de plástico por ladrillos e espellos; as bolboretas por escaravellos, e a todos os personaxes clientes do local. Mesmo se converteu a si mesmo nun periquito. E todo cambiou na realidade. Un periquito sobrevoou aquel lugar horrible. Algún día, co seu canto, volverían agromar as flores de plástico e entraría unha bolboreta. Se cadra, todo volvería ser real.
Elvira Pérez conta a aventura de atopar Un emoticón na bandexa de entrada: antes de almorzar, María conéctase ao Messenger e charla con Antón, que non irá a clases porque está malo. Pídelle que lle envíe un esquema de Naturais; el envíalle un emoticón de despedida, que ao principio é diminuto e logo colle o tamaño dun rostro humano, instálase e reinicia o pc. Fálalle e explícalle que é un espírito convertido en aparición virtual porque así llo propuxo o espírito que el ama. Coáronse os dous como arquivo adxunto aproveitando un bombardeo masivo de troianos. Conectaranse cando estean acesos os ordenadores nos que están instalados. E así ocorre: a ela aparécelle un novo contacto, un tal Fiz, que non sabe nada do seu emoticón ata que se lle reinicia o pc. Chatean María e Fiz e quedan de verse nun cibercafé de Vigo. Alí ela descobre con horror que Fiz ten dous emoticóns nas pupilas, pero tamén o taxista e toda a xente que atopa na rúa. Mesmo están no espello da casa: fora ela quen llelos pasara a todos, levaba un virus andante na súa mirada. Cando no seu cuarto acendeu o portátil, na pantalla estaba o emoticón. "Misión cumprida. Asustámoste."
Finalmente, no SMS de Carlos Mosteiro, a Brais sóalle de novo a musiquiña no móbil: é a terceira mensaxe que lle manda Marcos sobre a "Operación Lois" ou "Operación Pringado". Pero el non está convencido pois Lois nunca lle fixera nada e mesmo lle apuntara nun exame e grazas a iso aprobara. Outra mensaxe máis ao saír do insti: mañá ás 7 imos mallar o pringado no Camiño Baixo: que non falte ninguén. Eran ordes de Marcos, o xefe, que xa o intentara con Maneiro, pero como este lle sacara unha navalla, dixera que a Maneiro non se lle tocaba. Tíñalle ganas a Lois polas miradiñas que lle botaba Lía, pois a Marcos gustáballe a fachendosa Lía. Ás 7 en punto, apareceu Lois. Non se defendeu e mallaron nel todos, mais Brais non se atreveu a lanzarlle a pedra que tiña na man. Cando Marcos reparou nel, díxolle que tiña que pegar tamén ou senón que o mazaba a hostias. Cos ollos pechados, tirouse sobre Lois. E para que non lle volvera a náusea pensou noutra cousa: en que lle tiña que cambiar a musiquiña ao móbil e darlle un descanso a Shakira no mp3.

68 p. - 11x19 cm.                                                               D.L.    967-2007



Opinion