blix



Pepe Carballude: Os gazafellos
Ilustracións de Calros Silvar
Col. O Barco de Vapor, 16. Serie Vermella
Editorial Galaxia / Ediciones S.M. Madrid, 1987

Os gazafellos

Na aldea de Mourelle o mestre don Arturo proponlles aos seus alumnos un traballo de recollida de lendas sobre os mouros. Adrián e Tino, dous rapaces argalleiros, acoden ao señor Xaquín, bisavó e padriño de Adrián, lector incansable e home de fonda cultura popular, que lles conta o que leu nun suposto libro de Cunqueiro e historias dos mouros que andaron por alí: el mesmo vira a sete bañándose en coiro na fonte da igrexa. O mestre tivo premios fantásticos para todos; a eles deulles unha lata de marmelada branca para a cría de gazafellos novos. O problema é que non saben nada destes bichos. Terán que pescudar.
Remexen na sorprendente biblioteca do padriño, pero en ningunha enciclopedia atopan información. Aínda que un libro de Vicente Risco, "O tobo dos gazafellos", trata dos seus costumes e clases, non aporta imaxes deles nin maneira de localizalos. Pegan un anuncio pola aldea, mais ninguén parece saber nada. De volta na biblioteca, entran por un portelo que se abre detrás dos libros: alumándose con mistos na escuridade, ven morcegos que ao bater contra a parede se converten en papel, un lucecú xigante que en realidade é o espello do mouro Sidi Alsir e a serpe Smarís, que deu orixe a Mourelle.
Tino xa soña con mouros e gazafellos. Adrián pide gazafellos novos na carta aos Reis Magos. O avó confésalles que de novo andara á esculca deles. Tamén o pai vivira a ilusión de pillalos, que lle pasou ao medrar: ao deixar de crer neles, desaparecen. Aconsellados polo avó, van á casa do señor Agustín, alcumado o Pendulo, pois con el seica pode atopar calquera cousa. Logo de que lle acertan unhas adiviñas, ensínalles no seu despacho animais fantásticos seica desaparecidos. A última adiviña que lles propón é un poema acróstico: o lector pode saber coas primeiras letras de cada verso que os gazafellos non existen.

144 p. - 19x12 cm.                                     ISBN    84-7154-589-6 / 84-348-2302-0



Opinion