blix



Jaureguizar: A coroa de Napoleón. Un misterio para Tintimán na Coruña
Ilustracións de Matalobos

Col. Un misterio para Tintimán, 2. Edicións Xerais. Vigo, 2010


A coroa de Napoleón

Conta Tintimán unha nova misión, logo do éxito na pescuda da misteriosa seita da Irmandade Xelmírez. Nesta aventura, acompañarao a moza máis guapa do mundo, Sonia, e Señor Grozni, o gato herdado do pai; dende Compostela axúdalle a namorada e servicial Mónica, que lle mantén limpa a casa e chea a neveira de comida sa, tirando ao lixo os dónuts e bollycaos que tanto lle gustan a el, e nun fotolog vai contando o clima das relacións entre os dous.
A misión que lle encargou don Anxo, o director do xornal compostelán, desenvólvese na Coruña: ten que cubrir a celebración do Bicentenario da Batalla de Elviña, pois, grazas ás xestións do ex alcalde Paco Velázquez, Francia cedera a coroa coa que foi proclamado emperador Napoleón, que ten un valor incalculable. Cun disfrace de soldado francés do século XIX que lle conseguiu Mo, asiste á recreación da batalla de 1809 onda a Torre de Hércules, cuns cincocentos homes gordos e adultos xogando aos soldadiños, recreando meticulosamente todos os detalles da batalla e a morte de Sir John Moore. Pero o que máis lle gustou foi a encargada da cantina, Sonia, unha rapaza coa que amigou e que mesmo o convidou á cea dos Royal Green Jackets, sociedade en cuxa directiva estaba o pai. De volta a Santiago un anticuario vestido de tenente de granadeiros, Celestino, cóntalle máis detalles da batalla, da que se informara a través da Blackberry por Anselmo, o seu padrasto e profesor de Historia.
Ao día seguinte, na praza de María Pita ateigada de xente, cando o embaixador de Francia vai entregarlle a coroa ao Príncipe Carlos de Inglaterra, un home a cabalo con capa negra e anteface atravesa a praza e lévaa. Como agoirara Señor Grozni, por certo, índose deitar sobre a caixa metálica na que estaba a coroa... Grazas ao inseparable gato descobre o autor, Jacques, un anticuario que gardaba no almacén a capa que usara para o roubo: francés e monárquico, consideraba que un goberno republicano non estaba lexitimado para custodiar a coroa imperial.
Mais o caso non remata aquí, porque aínda debe ir ao pazo de Cornide, o ilustrado galego. Resulta ser a vivenda do anticuario francés, que a piques está de matalo a el e mais a Sonia cunha baioneta das usadas polos franceses para asaltar a cidade. Menos mal que o gato cravoulle as unllas, e puideron entón liscar. Volveu ao pazo con Anselmo para mostrarlle o cadro de Napoleón entrando na colexiata de Santa María vestido coas honras de Emperador, aínda que nos libros de Historia contábase que só chegara deica Astorga. Nesta segunda volta, Jacques tenta matalos cun sable, pero tamén conseguen librar da súa ameaza.
Para desvelar o misterio da estadía secreta de Napoleón na ciade, seguramente co fin de analizar os erros de Drake no ataque frustrado á Coruña, visitaron a Casa-Museo de María Pita, onde o gato os levou ata un gravado de 1808, que eles reproducen subindo á torre de Hércules, convencendo ao garda de que querían celebrar unha voda celta, onde erguen a coroa de Miss Coruña de Sonia, e conclúen que o raio de luz apuntaba a Inglaterra. Por esa razón o autor pintara naquel gravado a Napoleón coa coroa no alto da torre: viñera cumprir un rito celta apuntando a Inglaterra antes de intentar conquistala.
Resolto con éxito o caso, Tintimán volve para Compostela, deixando a Sonia, a moza máis guapa do mundo, na Coruña. Porque xa o reclama o director do xornal para unha nova futura misión: un anticuario di ter os planos orixinais da muralla de Lugo.

128 p. - 15 x 21,5 cm.                                                 ISBN    978-84-9914-111-4



Opinion