blix



X. Miranda / A. Reigosa: Contos prodixiosos, I
Ilustracións de Patricia Castelao

Col. Cabalo Buligán - Contos da Tradición Oral, 19. Eds. Xerais. Vigo, 2004

Contos prodixiosos, I

Reescrita de dez contos da tradición oral, incluíndo ao final de cada un deles un apéndice con notas bibliográficas e tipolóxicas. Todos, agás Papas, son adaptacións de Antonio Reigosa.
O sabor dos sabores: un rei viúvo con tres fillas quixo saber cal o quería máis para que herdase o reino. Como a máis nova contestou que o quería como o sabor dos sabores mandouna levar ao monte e matala. Mais o criado encargado apiadouse dela e levou como proba da súa morte o corazón dunha cadela, e o dedo da rapaza. Buscouse a vida traballando de criada e coidando os pavos na casa do Casimiro, vestida cun traxe de cortiza, que agachaba o de princesa. Sospeitando da súa identidade, o home ofreceulle casar co seu fillo e ela aceptou se convidaba ao rei. Cando este foi ao banquete nupcial, decatouse de que era a filla ao non lle botar sal na comida, o sabor dos sabores. Pouco despois, como o rei era vello, ela e o mozo herdaron o reino e foron felices.
Os tres irmáns sabios: cando morreu un home, os seus tres fillos non se puxeron de acordo sobre quen ía herdar a casa. E foron onda o xuíz para que este decidise. Polo camiño, deduciron entre os tres como era o cabalo roubado a un veciño polas pegadas que deixara: coxo, torto e rabón. Na cea, comendo cabrito, deduciron que nacera canda outro, que o amamantara unha cadela e que o xuíz era fillo de mouro. Por fin, o xuíz para resolver o preito pediulles que lle trouxesen a cabeza do pai morto. Só o pequeno se negou: ese era o verdadeiro fillo do pai.
A moza vestida de home e a cerva: un home quedou cego e tivo que saír polo mundo a pedir. Como tiña unha filla fermosa, para que non tentase de máis aos mozos mandouna vestir de mozo. Andando os camiños, unha princesa namorouse dela, sen sospeitar que non era home. Para solucionar o enguedello, a rapaza conseguiu traer a palacio a cerva do monte, seguindo os consellos dunha vella. E mesmo que falase, dicindo tres verdades; a terceira, que as mans que a pillaran non eran de mozo. Entón quedou ao descuberto a identidade da rapaza e a princesa amolouse.
Martuxiña: houbo un tempo en que todos os matrimonios tiñan a obriga de mandar un fillo servir ao rei; se non había fillos, tiña que ir o pai. E foi que un matrimonio tiña só fillas, sete. A máis vella, Martuxiña, ofreceuse a ir no canto do pai, vestida de home e co nome de Martuxón. No servicio, o compañeiro de cuarto sospeitando que era moza tratou de confirmalo levándoa de compras, mais ela soubo disimular ben. Só cando desapareceu o día de licenciarse, evitando así bañarse con el no río, o mozo viu corroboradas as súas sospeitas. E, seguíndolle as pegadas, deu con ela na casa, onde se declararon amor.
Papas: unha vez eran dous irmáns que querían casar os seus fillos. Para coñecer o formal que era a súa curmá, o rapaz fíxose o enfermo: só dicía "papas", polo que o pai botouno da casa. Andando de esmoleiro conseguiu xuntar para unha pulseira, uns pendentes e un reloxo de ouro, que lle deu á curmá sen que ela o recoñecese, a cambio, respectivamente, de que lle amosase as pernas, o corpo logo e de que pasase unha noite con el. Esa noite, rouboulle o refaixo coas iniciais, que lle valeu para que decidise converterse na súa muller xustamente o día no que ía celebrar a voda con outro.
A fera domada: nunha terra lonxana vivía unha princesiña fermosa e intelixente, pero moi soberbia. Como o pai xa ía vello tivo que pensar en casar. Puxo como condición que o pretendente atinase unha adiviña sobre un seu cabelo do medio da testa e vencese o lobo engaiolado no xardín. Intentáron moitos sen éxito, ata que un príncipe rico, de incógnito, superou as probas e levouna consigo para unha casiña pobre, onde a puxo a traballar duramente. Ata que lle descubriu a súa verdade. Pouco despois, converteuse en raíña e, esquecida a súa soberbia, foi boa, xenerosa e feliz.
Tres bos consellos: un home moi pobre marchou polo mundo facer pola vida, deixando a muller preñada de dous días sen o saber. Vinte anos botou traballando de sol a sol, ata que puido volver. O amo deulle a escoller como paga os cartos ou tres consellos de proveito, que el preferiu: que non deixe o camiño de carro por atallo, que non pregunte o que non lle importa e que antes de facer unha cousa a pense ben tres veces. Grazas a eles librou dos lobos, non o matou o dono dunha pousada e non fixo un atropelo na casa por non coñcer ao fillo. Ademais, unha bola que lle dera a ama viña chea de moedas de ouro. Por iso desde entón foron sempre felices naquela casa.
O tesouro do home na forca: era un pai que tiña un fillo moi esmorguista. Antes de morrer pediulle que só cando estivese apurado collese o que deixaba no cabazo e en última necesidade unha carta que nel había. Logo de vender todas as propiedades familiares, o fillo abriu o cabazo: gardaba moedas de prata, que axiña malvendeu. Desesperado e na miseria abriu a carta: que se pendurase dunha corda no muíño vello. Así o fixo e dunha trapela no teito caéronlle enriba montes de moedas. Daquela aprendeu, fíxose home asisado.
O demo na botella: a guapa filla da Petronila casou cun mozo forasteiro que axiña deu en ir de troula polas noites. A mai, decatándose de que era o demo, conseguiu atrapalo nunha botella cando por dicirlle "arrenégote, demo" se converteu en rato. Mais uns mozos rompérona con pedras e saíu liberado, índose meter no corpo dunha moza ou no saco dun ladrón para facer as súas falcatruadas. Aínda que non puido facer o mesmo coa criada do cura aproveitando que espirraba, por o ladrón mentar a Deus; en vinganza, alertou ao cura do roubo.
A moza mataladróns:unha vez presentouse o capitán dunha gavela de ladróns nunha casa rica simulando ser pobre; á noite, cando cría a todos durmidos, saíu avisar aos seus para roubaren, mais a filla máis nova non se deixou enganar e toroulle os dedos que el metera debaixo da porta para recuperar un coitelo. Tempo despois, o pai deulla en casamento coidándoo rico. Quería vingarse dela meténdoa nunha caldeira con aceite fervendo. Pero unha moza da cuadrilla avisouna a cambio dun anel, librando así do castigo que recibiron os ladróns ao que os descubriron.

61 p. - 17x24 cm.                                                          ISBN    84-9782-114-9



Opinion