|
Conxunto de catro
relatos de escritores lugueses, ilustrados por artistas da provincia e
inspirados no museo provincial e nos seus contidos. A edición,
coordinada polo escritor Antonio Reigosa, pretende achegar aos alumnos de
secundaria noticias do edificio e converterse en guía literaria para
viaxeiros con anceios de aventura. Intégrase nunha actividade
didáctica denominada "Rutas literarias polo museo" (do fantasma, do
paxaro, do trasno e da serpe), que toma como guieiro cadanseu relato.
Xabier P. Docampo colabora con Visita Nocturna: Inés ten que
facer un traballo escolar sobre o museo e, ao saber polo dunha amiga que hai un
aparecido nocturno, agáchase nun caixón da sala de
exposicións de minimalistas lugueses e agarda ata as 12 para
saír. Entón onda a imaxe de San Francisco de Asorey atopa a un
frade (unha alma en pena que levita uns centímetros) pedíndolle
ao santo que o saque de alí, onde leva centos de anos pechado.
Tratábase dun membro da primeira comunidade do antigo convento que
ocupara boa parte do actual museo. Foran todos condenados a morrer como castigo
por un pecado vergoñento. Só tiñan unha saída
posible, e para recordala pintáronlla a el nas costas, por iso non a
puido ver, xa que non se podía ver a si mesmo no espello. Inés
explicoulla: era polo pozo, que ía dar ao Miño. Liberado o frade,
ela ha saír co día, cando abran, entre a xente. O texto resulta
ser o traballo escolar de Inés. Agustín Fernández Paz
presenta en A serpe de pedra a un home que escribe desde o sanatorio
para enfermos mentais nun caderno que lle deixou a doutora Salgueiro. Anuncia
que cando chegue a noite se cumprirá a maldición e Lugo
converterase na capital do horror que se estenderá por todas partes.
Pretende que o seu sacrificio non sexa inútil e poida servir para deter
o avance do Mal. Licenciado en Historia cunha tese sobre as serpes eloxiada
internacionalmente, como traballador do museo fixo escavacións na
necrópole megalítica da Roza das Modias, en Vilalba, onde nunca
ninguén o fixera. Nunha mámoa atopou tres anacos de sílex,
que xuntos formaban o corpo dunha serpe. Expostos nunha vitrina do museo,
provocaron un aumento de visitantes; dous deles, un home maior e unha moza,
viñeran desde Berlín e acudían todas as
mañás. Axiña ocorreron cousas inexplicables coincidindo
coa lúa chea: apareceu a vitrina desordenada; logo, un ratiño e
sangue seco doutro. Ao día seguinte, os visitantes, sobre todo o
ancián, parecían rexuvenecidos. Neses días, a prensa
informou que en varias cidades apareceran invasións de serpes. El
sabía que o culto á serpe, asociado ao da lúa e case tan
antigo como a humanidade, seguía tendo adoradores secretos agrupados en
asociacións: confiaban nunha futura resurrección, coa muda da pel
como promesa dunha nova vida. Soubo por Internet que o xefe das
asociaciós no continente era o ancián alemán. A noite do
10 de setembro, novamente lúa chea, agachouse no museo e descubriu a
moza alemana levándolle ratiños á serpe; logo, a enorme
Serpe Deusa saíu da vitrina. El escapou e pegou coa cabeza contra o
chan, quedando sen sentido. Ao volver en si, atopou a muda de pel da serpe, que
abandonara o corpo de pedra no que vivira mil anos e encarnara de novo en
ofidio, disposta a recuperar o seu reino. Agora está interno pois os
médicos non creron o seu relato. E sabe que esa noite a Deusa Serpe vai
vir por el. E que só un lume purificador que arrase a Roza das Moidas
pode acabar coa maldición, para que ela volva á súa forma
de pedra e permaneza aprisionada nela ata a fin dos tempos. Paco
Martín é o autor de Un paxaro posible. Amparo, profesora
de debuxo, corrixindo os exercicios dos seus alumnos de 1º de BAC sobre o
claustro de San Francisco descobre que só en dous deles aparece no ferro
do arco do pozo que terma da roldana un paxaro pousado, un escorzo sinxelo e
pouco definido. Nos dous debuxos a perspectiva é a mesma, aínda
que os alumnos, Diego e Susana, situáronse en lados diferentes. Para
aclarar a cuestión, en compañía do profesor de
música, Daniel, pídelles explicacións e os rapaces contan
que, impresionados polo retrato ao óleo dunha anciá resignada cun
paxaro só esbozado na touca que parecía anunciar esperanza,
collidos da man sentiran que os paxaros son posibles. Os dous ensinantes van
ver o cadro e entón Daniel sente que os alumnos déronlle o
empurrón definitivo para atreverse a compartir con ela o voo do paxaro
no claustro. Por último, Xosé Miranda en Un trasno do
museo no Tour de Francia recolle a información do libro dun erudito
bretón sobre os trasnos no Tour de Francia que conta as falcatruadas que
fixeron nas décadas de 1970 e 1980 na famosa carreira. Sobre todo
Berbenbexo, que segundo Álvaro Pino foi con el e amargoulle un Tour por
culpa de chamarse como Álvaro Gil, o dos torques cos que eles xogaban
cando os tiña no chalé antes de depositalos no museo, e
tamén como Cunqueiro; seica só se librou del regalándolle
un maillot. O libro, traducido ao galego, desapareceu, aínda que se fala
de que no museo consérvase ben gardado un único exemplar.
Será unha das tantas falcatruadas que disque os trasnos fan de noite no
museo. |