|
Inclúense neste exemplar tres
reelaboracións de contos tomados da tradición oral. En
"Xanciño o oso" cóntase cómo Xan, fillo dun oso e unha
muller, logra, coa súa astucia e a axuda involuntaria do demo, casar coa
filla máis nova do rei e vingarse do Arrancalodeiros e o
Arrancapiñeiros, dous homes que atopa no seu camiño, por deixalo
encerrado no castelo do diaño despois de liberar as princesas. Na
reelaboración feita por Antonio Reigosa, titulada "Blancaflor", un
xogador, que perde todas as súas posesións e a súa alma
nunha partida de cartas co demo, verase obrigado a superar as diferentes probas
e trabas que o demo e a súa muller lle mandan facer para recuperar a
súa liberdade. Coa colaboración da filla máis nova destes
e os catro obxectos máxicos que lle regalan uns animais
conseguirá de novo a súa liberdade. En "A flor de violar" o
protagonista atopa, gracias á súa xenerosidade, a flor de violar
coa que salva a vida de súa nai. Ademais é asasinado polos seus
irmáns maiores e gracias á flor volve á vida para
desmentir as mentiras ditas polos seus asasinos sobre a súa morte.
Ao final de cada conto infórmase da bibliografía empregada polos
escritores, das diferentes versións recompiladas destes textos e das
clasificacións que fan os estudiosos destas. |