blix



X. Miranda / A. Reigosa / Xoán R. Cuba: Contos marabillosos, I
Ilustracións de Teresa Novoa

Col. Cabalo Buligán - Contos da Tradición Oral, 1. Eds. Xerais. Vigo, 1998

Contos marabillosos, I

Xosé Miranda, Carlos Reigosa e Xoán Ramiro Cuba seleccionan neste volume os seguintes contos recollidos directamente da tradición oral e adaptados para o lectorado infantil:
"O paxaro que fala, a árbore que canta e a auga dourada" inicíase cando o Rei chega a unha aldea onde vive un zapateiro coas súas tres fillas costureiras. O Rei andaba á procura de esposa e elixe á filla máis pequena ante a súa promesa de dar a luz uns xemelgos que levarían unha estrela dourada na fronte. Pero a causa da envexa das súas irmás cando os nenos nacen deciden tiralos ao río e cambialos por dous gatos. Cando o rei descobre o que parira a súa muller monta en cólera e manda matala.
En "Manta en Roma" dous irmáns moi pobres vense na obriga de deixar a súa aldea natal trala morte do pai e marchan en busca de fortuna. Axiña os seus camiños se separan e os seus destinos serán moi distintos debido á astucia do máis novo e á torpeza do máis vello. As aventuras do irmán máis novo comezan cando no camiño atopa a tres homes, que estaban discutindo sobre cómo facer unhas partillas entre tres obxectos que teñen propiedades máxicas: un fardelo, unha corna e a manta do pensamento, coa cal se pode viaxar onde se queira. El engánaos e rouba os tres obxectos cos que logra ser Papa en Roma. Co seu poder consegue despois sacar o seu irmán da mendicidade, aínda que a tarefa non será fácil pola torpeza deste, e facelo Rei de España.
En "A gaita que facía a todos bailar" nárrase a historia dun rapaz e a súa nai viúva que, debido á súa miseria, téñense que separar. O neno é acollido na casa do cura da aldea onde traballa como pastor. Un día aparéceselle un pobre que lle pide que lle regale un año pois levaba días sen probar bocado. O rapaz accede e o pobre resulta ser un mago disfrazado que lle concede tres desexos. O rapaz pídelle unha gaita que faga bailar a todo o mundo, mesmo aos animais. Con esta gaita máxica vivirá moitas aventuras que o salvarán dun senfín de perigos ata que decide deixar a aldea e coñecer outros mundos.
Ao final de cada relato engádense informacións nas que se basearon para a reconstrucción das historias.

56 p. - 17x24 cm.                                                          ISBN    84-8302-328-8



A nosa literatura infantil e xuvenil 1998
Gálix (Asociación Galega do Libro Infantil e Xuvenil), Biblioteca "Nova 33" -Obra social da Caixa Galicia
Coordinación: Mª Isabel Soto López
Xunta de Galicia - Consellería de Cultura - Dirección Xeral de Cultura. Guías culturais, 18. 2000



Opinion