blix



X.M. Martínez Oca, Mª Xosé Queizán, Rosa Aneiros, Jaureguízar:
Contos de colonias escolares, belas adormecidas, atentados e tiburóns
Ilustracións de Xulia Barros

Col. Lagarto Pintado. Dirección Xeral de Creación e Difusión Cultural. Consellería de Cultura e Deporte. Xunta de Galicia. Santiago de Compostela, 2006

Contos de colonias escolares, belas adormecidas, atentados e tiburóns

Nova entrega desta colección editada pola Xunta de Galicia en conmemoración do Día Internacional do Libro Infantil e Xuvenil, coa colaboración da Asociación Galega do Libro Infantil e Xuvenil (Gálix). Recolle catro relatos:
As colonias escolares, de Xosé Manuel Martínez Oca sitúase nun ambiente de posguerra. O rapaz protagonista sente o verán como a peor época do ano, pois todos os amigos lle marchan de vacacións ou a algún enredo. Desexando estar con outros rapaces, envexa os orfos que veñen coñecer o mar desde o interior durante uns días nunha colonia de verán. Está ao axexo das súas actividades colectivas e mesmo se introduce furtivamente no centro. Sen embargo, a árbore que para el foi a vía de entrada, convértese en vía de escape para un dos internos.
Nunha noite de inquietude, pois é incapaz de pegar no sono, a protagonista de A bela adormecida na devesa, de María Xosé Queizán prodúcese o encontro misterioso cunha bela adormecida que leva séculos esquecida. Acorda cando a moza lle bica a man e regálalle unha pluma luminosa. A moza é Rosalía de Castro; a bela adormecida, a Lingua Galega.
En 7-X, Rosa Aneiros localiza a acción no Londres do atentado que causou medio cento de mortos. Unha xove de dezaoito anos, ascendencia árabe e veciña dos supostos autores, declara sobre os seus movementos por Londres cunha mochila na que levaba bocadillos. A súa afección á arte leváraa, como outros días, a visitar o Museo Británico.
En O tiburón que aterrou, Jaureguízar refire o descubrimento de dúas rapazas de que o seu avó fora en realidade un soldado nazi. Intentando desvelar o misterio que agacha o lugar de Ribadeo coñecido como a Cruz do Alemán, atopan partes dun uniforme nazi. E saben así a historia do seu avó, rodeada sempre de confusión coas diferentes versións que o seu pai, un laretas e bebedor, divulgaba reiteradamente.

68 p. - 11x19 cm.                                                               D.L.    727/2006



Opinion