blix



X. Miranda / A. Reigosa / Xoán R. Cuba: Contos de maxia, IV
Ilustracións de Irene Fra

Col. Cabalo Buligán - Contos da Tradición Oral, 8. Eds. Xerais. Vigo, 2000

Contos de maxia IV

Recolle catro contos da tradición oral, incluíndo ao final de cada un deles un apéndice con notas bibliográficas e tipolóxicas.
"O principe lagarto", segundo Xosé Miranda, conta dun príncipe que, por un encantamento, naceu con corpo de lagarto. Cando a única muller pobre que o quixo lle agachou a pel de lagarto, perdeu a memoria e marchou do reino. Ignorante do seu pasado, dispoñíase a casar de novo cunha princesa. Pero a muller buscouno e puido durmir tres noites con el dándolle á princesa os obxectos que no camiño lle facilitara unha vella. Á terceira noite, recoñeceu a súa muller. E volveu con ela.
"Aladina", na adaptación de Xosé Miranda, é unha moza fermosa que traballa no pazo real e, envexada polos outros domésticos, sofre encomendas imposibles. Coa axuda dun paxaro, foi capaz de facelas e mesmo rescatar dun pozo o anel do príncipe, que desque o perdera estaba desaparecido. Cando se fixo coa máis pequena caixa gardada na caixa máxica dun terrible mago, saíu o paxaro que, desencantado, converteuse no príncipe herdeiro e casou con Aladina.
"A caixa dos demachiños", na versión de Antonio Reigosa, trata dunha princesa pechada polo pai nunha torre que escapa coa luz da lúa. Pero a súa liberdade vese de novo coutada por un par de bruxas avariciosas que a acollen na casa e néganse a deixala marchar mentres non lles traia a caixa dos demachiños. Cando llela consegue e volve libre onda o rei, ao darlle un bico ao carneiro que a axudara, este transformouse nun mozo fermoso. Co que casou e foron felices.
"O mozo, a meiga e o xigante", segundo Xoán Ramiro Cuba, conta a historia de tres irmáns que saíron da casa a probar fortuna. O maior foi o primeiro en marchar a un reino, onde, tecéndolle un manto novo ao rei coa axuda dunha vella, conseguiu un burro cargado de ouro, co que ela se quedou. Foi logo o segundo irmán, quen despois de facerlle unha casaca nova ao rei, pasoulle o mesmo que ao anterior. O menor, que parecía o menos espelido, sandou a princesa e non quixo o burro, senón casar con ela. Pero a vella meiga retívoo na súa casa. Con astucia, meténdolle medo ao seu home, un xigante, recuperou a liberdade e mais os burros dos irmáns. Daquela, puido casar coa princesa e foi feliz.

72 p. - 17x24 cm.                                                          ISBN    84-8302-553-1



Opinion