blix



X. Miranda / A. Reigosa / Xoán R. Cuba: Contos de maxia, III
Ilustracións de Xan Balboa

Col. Cabalo Buligán - Contos da Tradición Oral, 7. Eds. Xerais. Vigo, 2000

Contos de maxia III

Recolle catro contos da tradición oral, incluíndo ao final de cada un deles un apéndice con notas bibliográficas e tipolóxicas.
"Os tres pelos do demo", segundo Xosé Miranda, conta que o primeiro ministro conseguiu herdar o reino mandando polo río abaixo o bebé da raíña mentres o rei estaba na guerra. Criado polo muiñeiro que o atopou, chegou a casar coa princesa gracias á axuda duns ladróns. Enteirado o rei usurpador, quixo librarse del someténdoo a dúas probas: tiña que lle traer tres pelos do demo e averiguar por qué unha fonte non daba auga, outra daba viño e unha mazaira non tiña froitos. Saíu airoso e rico de todas e mesmo argallou para que o rei quedase de barqueiro do barco que leva ao Inferno. E foi rei, como lexitimamente lle correspondía.
"Os amigos na vida e na morte", na adaptación de Antonio Reigosa, presenta a dous homes que quixeron festexar a súa amizade, que viña desde a infancia, pero só un puido convidar ao banquete antes de morrer. Un cabalo branco veu de parte do morto buscar o amigo para celebrar o seu convite. Cando o vivo volveu á súa casa, pasados trescentos anos, atopouse con que era un mosteiro. Nel viviu ata que chegou a hora da súa morte.
"O afillado da morte", na versión de Antonio Reigosa, trata dun home pobre que a falta de padriño para bautizar o seu fillo, aceptou a Morte, que a cambio o faría rico de maior. Así foi: podía ver a Morte onda os moribundos e saber, segundo se puxese na cabeceira ou nos pés da cama, se ían seguir vivos. Perdeuno a súa avaricia: un día quixo burlar a Morte facendo xirar a cama e acabou morrendo el mesmo en lugar do doente.
"Os dous xemelgos", segundo Xoán Ramiro Cuba, conta a historia dun humilde pescador que un día conseguiu un peixe moi grande e gracias a el dous fillos xemelgos, dous cabalos, dous cans e dúas espadas. Cando un dos fillos saíu ao mundo, logo de derrotar o dragón de sete cabezas e casar cunha princesa, quedou convertido en estatua no Castelo de vas e non volves. Entón a auga dunha redoma que deixara na casa púxose de cor vermella e o irmán soubo que estaba en perigo, polo que acudiu no seu rescate e comportándose de modo diferente ante dous coellos e dúas lagartas que liaban puido acabar coa vella que enfeitizara ao primeiro. Eran tan iguais que a princesa durmira co segundo irmán confundíndoo co seu home. Pero como o xemelgo puxera na cama unha espada entre os dous, pouco durou o malentendido e todo se arregrou felizmente.

72 p. - 17x24 cm.                                                          ISBN    84-8302-552-3



Opinion