|
Recóllense catro contos da
tradición oral, incluíndo un apéndice con notas
bibliográficas e tipolóxicas. "As dúas nenas e as tres
boas señoras" (Xosé Miranda): Era unha nena boa á que lle
comía a merenda camiño da escola o can de tres velliñas
que resultaron ser mouras e fixeron que canto máis se lavase máis
fermosa fose, ao chorar lle caesen perlas e ao falar xoias e ouro. Enteirada a
veciña ruín, intentou que a súa maleducada filla obtivese
outro tanto, pero elas castigárona a ser máis fea, botar sapos
por bágoas e cóbregas ao falar. Vingouse quitándolle os
ollos á nena boa e deixándoa no monte. Pero un pastor
recuperoullos e casaron. "A princesa e o xigante" (Xosé Miranda):
Nos tempos de María Castaña, o rei por cumprirlle o antollo
á raíña embarazada deulle a única laranxa da
laranxeira dun malvado xigante, que lle esixiu a cambio a filla ao que cumprise
tres anos. Cando tiña quince, Aurora entrou no castelo encantado do
xigante, e só puido saír axudada polos fillos del, gracias a tres
flores que se converteron en selva, mar e valado enorme. Pero o xigante
mordeuna arrincándolle unha meixela, que só lle recuperou o
príncipe namorado mandando que a queimasen para facela renacer das
cinzas. E foron felices xuntos. "A princesa que non ría" (Antonio
Reigosa): Un rei que tiña unha filla que nunca ría, ofreceu a man
dela e o seu reino a quen a fixese rir. Probaron moitos sen éxito. O
último dos estudiantes axudou a unha vella e obtivo dela tres pelos que
se converteron en tres paxaros fermosísimos. Durmiu nunha pousada onde
había tres mozas, que colleron camiño con el prendadas dos
paxaros e a medio vestir. Un cura, un labrego e un tratante con cincuenta
mulas, pegáronse tamén á comitiva, que provocou a risa da
princesa e a voda do estudiante con ela. "A burra, a mesa e o pao"
(Xoán Ramiro Cuba): Un home bo coma o pan, o Xanciño, pobre e con
oito fillos, houbo de ir vender o porco á feira para mantelos. Por
axudar a un vello aplastado por un piñeiro, liscoulle o porco. Este
agradeceullo cunha burra que cagaba ouro, que lle trocaron as mozas dunha
pousada; logo, cunha mesa que con só pedirllo ateigábase de
comida, pero tamén lla cambiaron, e finalmente cunha moca, que mallou
nas mozas ata que lle volveron a burra e a mesa. E xa puido volver á
casa e comer a fartar. |