|
Recolle catro contos da tradición oral,
incluíndo un apéndice con notas bibliográficas e
tipolóxicas. "O pastor de coellos" (por Xosé Miranda): Un
pobre rapaz é quen de enxeñar unha adiviña que non dan
descifrado na corte real, conseguindo deste xeito a man da filla do rei. Pero
este non se resigna e rétao a coidar cen coellos no monte durante un
día sen perder ningún. Pasa a proba. Tamén logra encher un
saco coas mentiras da corte. E casa coa princesa. "O paxaro de ouro" (por
Antonio Reigosa): como ao rei lle desaparecían as mazás, cando
quedaban tres mandou os fillos vixiar a mazaira. O maior e o mediano
durmíronse no intento; o máis novo viu como un paxaro de ouro
roubaba a derradeira. Foron na súa busca, pero só este coa axuda
da raposa deu chegado á casa do paxaro. Levou a gaiola, o cabalo, a
albarda e a princesa dos cabelos de ouro, disfrazouse de esmoleiro e acabou
casando con ela, malia as trapelas dos irmáns. "O ferreiro de
Mambres" (por Xoán Ramiro Cuba): un ferreiro pobre amañoulle de
balde o báculo a Xesús Cristo, que andaba de incógnito
daquela con San Pedro polo mundo. A instancias deste, pediu carbón para
tres anos, unha cadeira, un saco e unha mazaira que cumprisen a súa
vontade e mais unha baralla coa que gañar sempre. Pero non entendeu a
indicación de San Pedro de que aproveitase para pedir a
salvación, e, interpretando que pretendía os seus chourizos,
botounos fóra. Ao que se lle acabou o carbón veu o demo
ofrecéndollo a cambio da súa alma. Conseguiu prolongar o prazo de
tres anos cando lla viñeron reclamar valéndose da cadeira, o
saco, e a maciñeira. Ao morrer, no ceo non o aceptou San Pedro, e no
inferno trancáronlle as portas. Xogoulle a alma ás cartas a un
demo, gañándolla. Levoulla a San Pedro, quen seguiu sen
permitirlle a entrada. Pero nun tirapuxa coouse e alí segue "porque
disque no ceo, desde que entras, é raro que che deixen saír".
"O ferreiro e o demo" (por Xoán Ramiro Cuba): un ferreiro moi pobre,
desesperado, íase botar ao río cando o demo ofreceulle cambiar a
alma por todo o ferro e carbón que precisase. Ademais, pódelle
pedir tres cousas: unha pereira da que non se poidan baixar ata que el queira
(polos nenos que lle andan nas peras), un escano do que só se poidan
erguer cando el mande (pois quere que lle dean conversa) e un saco que apreixe
a man ata que el o diga (pois róubanlle os chourizos). Viñeron os
enviados do demo maior pola súa alma, enredounos na pereira, no escano
ou no saco. Veu el en persoa e meteulle un tiro cando puxo o cano no boca para
fumar, pensando que a escopeta era unha cachimba. No inferno, o demo explicou
que non o quixera traer pois tiña un "tabaco moi
queimón". |