|
Nesta edición institucional con motivo da
VIII Campaña de Fomento da Lectura recóllense catro contos
orixinais de recoñecidos autores galegos: Miguel Vázquez
Freire en "O rapaz que non quería ser heroe nin sabía dicir
amor" presenta os supostos fragmentos do diario de Arno, un xove de dezasete
anos da primeira centuria da Nova Cronoloxía, descubertos por
investigadores da Escola de Estudios Psicohistóricos. Tratan da
súa viaxe desde a cidade de Fisterra ás terras saharianas e,
segundo a profesora Ioia Pax Docampo, responsable da súa edición,
proporcionan unha curiosa descrición do nacemento do sentimento amoroso
nun adolescente daquela remota época. Neles, conta Arno que leva dous
anos en Fisterra con Imaz, Arturo e Gwendaill, asistindo ás clases do
Mestre Cego e aprendendo a coñecérense a si mesmos,
preparándose para unha futura e inevitable misión digna de
heroes. Merlín (o seu anel - prototipo de ordenador persoal que se
comunica directamente co sistema neuronal do seu usuario percibindo canto
pensa, que crearan os seus pais, asasinados por intentar mantelo en segredo)
non entende o qué é un heroe. E cando Arno ten pesadelos no
deserto (reproducidos segundo a "transcrición mental directa")
reclamando que non o deixen só, Merlín analízalle
racionalmente as súas reaccións ante Gwendaill, provocadas por un
sentimento distinto da amizade que os humanos chaman amor. Entón Arno
sabe que está namorado e decide confesarllo a ela. Neste texto, o autor
recupera, a xeito de posible continuación, os personaxes da novela
Proxecto pomba dourada Xabier P.
Docampo presenta a historia "O Espello do viaxeiro". Un home volve a cabalo
á casa logo de 7 anos para facerse cargo da herdanza dos seus pais
mortos. Perdido na noite, vai dar a unha casa: unha ferraría onde
só está o dono, que é fisicamente igual a el, só
que no ollo esquerdo non ten pálpebra. Beben e pelexan mesmo e o
ferreiro fíreo nun ollo. Cando se recupera, días despois,
descobre que xa é igual que o ferreiro, polo que o mata. Ao día
seguinte, regresan a muller e o fillo, que o toman polo ferreiro
auténtico, e comprende que a súa condena polo asasinato é
esa: ocupar o lugar do morto. Este relato recóllese no libro
Cando petan na porta pola noite.
Darío Xohán Cabana conta en "O Tesouro da Lagoa" que
Graciano, un rapaz de Roás de catorce anos, certo día de
primavera que non foi a clases María, á que lle andaba a facer as
beiras sen atreverse a pedirlle noivado, foi pasear polos prados onde estaba
nos tempos antigos a Lagoa de Valverde, a cidade asolagada polos seus pecados e
lendaria polas súas riquezas. Atopou durmido a un rapaz de orellas
grandes, que resultou ser un home de setenta e sete anos, quen lle ensinou a
furada na que vivía, co ouro da cidade por todas partes. El é un
dos "segredos", que aparenta un ser normal cando o ollas os humanos. Ao se
despediren, regálalle a Graciano un anel de ouro para a rapaza á
que quere namorar. Xosé Antonio Neira Cruz participa con "Un
somnífero moi particular", onde presenta a Mila, unha rapaza que ao
rematar as clases ten que ir facer de canguro da súa irmá e
coidar dos seus trillizos, tres trasnos que nunca teñen acougo. Pero
aquela tarde, sorprendentemente, durmían todos tranquilos.
Incrédula, foi comprobar e descubriu que en cada cabezal tiñan
unha lentelliña luminosa. Ao retirárllela, espertaban: actuaba
como un somnífero, que unha bruxa de feltro puxera, cansa, como os
demais xoguetes, de que nunca a deixaran descansar. |