|
Nesta edición institucional con motivo da
VII Campaña de Fomento da Lectura recóllense catro contos
orixinais de tres recoñecidos autores galegos: Xosé Manuel
Martínez Oca abre o libro con "Patxi e Fuco". Patxi é un rapaz
que vén pasar un mes de vacacións á aldea dos avós
galegos. Séntese tan a gusto en plena natureza que logo non lle apetece
volver para Bilbao cos pais. Para convencelo, vai con el para a cidade o
curmán Fuco, que se marabilla de todo o que ve. Cando se teñen
que separar, Patxi arela medrar e vivir no paraíso da aldea e o
curmán soña con poder ir vivir á cidade. Salvador
García Bodaño conta en "A pedra" como un rapaz e unha rapaza da
Illa do Home Santo oíron un día o son dunhas campás no
mar. Foron onda o ancián Home Santo da Torre, condenado a vivir
recluído na torre facendo penitencia un tempo igual a multiplicar por
dous os anos que ía vivir, desde que quedou asolagada a cidade de
Compostela. Cóntalles a historia. Todo empezou cando levantou unha
pedriña redonda das que chaman "dente de cabalo" na casa e comezou a
saír auga, que pouco a pouco cubriu toda a cidade ata asolagala
totalmente, cando deixaron de ser visibles as torres do Obradoiro e a
Berenguela. Entón saíron da auga sete bólas ígneas
ou estrelas, que logo desapareceron. Por iso aínda hai ribeiráns
que din sentir o son xordo dunha campá que vén do mar.
Agustín Fernández Paz colabora con dous "contos por palabras". En
"Unha pantasma en apuros" conta a historia dun fantasma que, seguindo a
maldición familiar, aínda que morreu no XVII e estamos en 1990,
está condenado a vir vivir ao pazo familiar un ano enteiro cada
vintecinco. Só se liberará da maldición cando unha moza se
namore del. Co pazo familiar ruinoso e sen as xoias da familia que debeu
usurpar un descendente, e ante as novas posibilidades que lle ofrece a
sociedade de consumo, pon no xornal un anuncio de venda do dormitorio antigo
para obter cartos, pois ademais hai unha moza que parece facerlle as beiras.
"Un máxico negocio" figura con mínimos cambios
estilísticos recollido nunha reedición do libro
Contos por palabras. |