|
Á Cidade de Pedrá Única,
segundo narra o Shériff -que como está de vacacións conta
tranquilamente sentado-, viña de cando en vez algún forasteiro no
tren das sete e media, atraído pola sona da dona do Saloon, Mimí,
a meiga máis fermosa e ilustrada do Leste. Un día chegou Sen
Nome, un descoñecido Ninguén de Ningures, que non lembraba o seu
pasado e pegou a durmir na rúa. Non conseguiron sacarlle máis
datos nin Mimí nin Red, o seu irmán que fabrica o zume de cactus
que se vende no Saloon da cidade, onde non hai máis distraccións
e para subsistir imaxinan o mundo á súa maneira. Mais hai unha
figura inquietante, Media Cara, o maior atracador de bancos do Leste, que bebeu
unha apócema para facerse invisible pero só lle funcionou na
metade do seu corpo polo que a outra metade, a francesa, fora dar no
cárcere, de onde fuxiu pasando entre os barrotes. Como había
recompensa pola súa entrega, intentaron apreixalo catro bandidos, dos
que misteriosamente se desfixo. Tamén viñera por el Sen Nome,
polo que se bateron en duelo segundo a proposta de Mimí: a ver quen
aguantaba máis bebendo zume de cactus e escoitando a Red tocar o piano
toda a noite. Perdeu Media Cara, quen antes de desmaiarse deulle os cartos dos
seus atracos a Mimí, para que fose estudar Químicas a
París e a cambio de que, consultando no seu libro "Remedios sen causa",
fixese volver onda el a súa outra metade, Medio Indio, coa que se
reconciliou e uniu, pasando a ser Jean Pierre Nube de Outono, un home como
todos, cheo de contradicións. E Sen Nome marchou da mesma maneira que
chegara: sen aclarar a súa identidade. Western teatral en clave de
humor. |