|
Conxunto de sete relatos que presentan as
dificultades dos rapaces para viviren nun mundo construído por e para os
adultos. "O diario" dun rapaz que, debuxándoo, quere recuperar o
sol, que seica está en folga; que soña cunha pomba triste que o
visita no seu cuarto e logo de acariñala marcha leda; que quere xogar
aos piratas con alguén, pero o pai traballa tanto que non ten tempo e a
mai está algo enferma; que gusta de escribir poemas; que botou un barco
de papel ao mar, poida que ese que o saúda alegre á noite facendo
soar a sirena desde alta mar. Pero non quere atoparse tan só. O vento
levoulle as follas do diario a outro neno, que as leu con agarimo. Xa ten un
novo amigo. "Tocho" é un vello boneco, o xoguete preferido dunha
rapaza que medreu e vai cambiar a habitación. Sabe que xa non o quere.
Ademais, os outros xoguetes rinse del por vello. Antes de que ela o tire ao
ciscallo, desaparece. Quizais agora é feliz. "O neno que falaba coas
ondas" é o Rei, que non contaba para ninguén. Ata os pais o
desprezaban. Gustáballe falar coas ondas do mar, que si o
querían. Un día non volveu do rochedo, onde cando o foron buscar
os adultos unha rosa branca esvarou cara ao mar, que levaba a Rei, feliz,
bambeado polas ondas. Ata que se perdeu no horizonte. "Mario e Marta" son
dous irmáns especiais: a el gústalle xogar con bonecas e a ela co
balón do irmán. Cansos destas rarezas, os pais
trocáronllos por unha metralleta, un vídeo-xogo e libros, pero
tampouco así puideron cambiar os gustos dos seus fillos. En "Os
números do calendario" cóntase a historia de Uxío, un neno
a quen seu pai lle esixe que sexa sempre o número 1, coma el, e leve
sempre un 10. El soamente quere ser un neno máis. Cando ve que no
calendario da aula faltan o 1 e o 10, porque non querían ser tan
perfectos, decide non obsesionarse por ser sempre o primeiro: gozará e
xogará como todo os rapaces. Naquela vila na que desapareceran a
biblioteca e as librerías, un rapaz forasteiro instalouse na praza. Non
falaba con ninguén, pero a súa marioneta, "Boliche", contaba
contos clásicos para os nenos que tamén lles empezaban a gustar
aos adultos. Un día desapareceu. E todo se volveu máis triste.
Ata que unha mañá descubriron con alegría a "Biblioteca
Infantil Boliche", unha fermosa construcción en madeira que
alguén erguera pola noite. Cóntalle o pai a historia da
salvación de "O vello reloxio": había anos, estaba contento nun
xardín, que destruíron para facer un edificio enorme que lle
quitaba o sol. Entón deixou de funcionar. Un neno, cos seus debuxos do
antigo xardín, conseguiu que andase de novo e, coa axuda dos outros
rapaces, convenceu ao alcalde de que o trasladase para a praza soleada na que
está agora, onde segue funcionando logo de tanto tempo. |