 |
Conta Paulo, un rapaz de dez anos, que o seu pai
chega do traballo e segue pendente do móbil; o avó padece
alzhéimer e non recoñece ás veces nin ao seu fillo e a mai
di que a van volver tola entre todos. O avó é, sen embargo, o seu
amigo, co que xoga pola casa adiante a que el é o Capitán dos
Sete Mares e o neto, Simbad. Aínda coas rarezas da súa
enfermidade, Paulo é un referente seguro para o ancián, e este o
amigo máis querido polo rapaz. Pero todo cambia un domingo no que cando
espertan o avó non está na casa. Por máis que o buscan,
pasado un mes a policía renuncia a atopalo. E o pai nin sequera sabe a
historia de Simbad o Mariñeiro, que tantas veces lle contara o
avó... Entón comeza a súa gran aventura, un día
que lle trae o carteiro unha carta do Capitán dos Sete Mares dirixida a
Simbad. Nela, o avó, envíalle unha chave pequeniña e
explícalle que fuxiu porque os filibusteiros querían afundirlle o
barco e que pode atopalo na Taberna do Pirata. Cando lles pregunta aos pais
pola taberna, póñenselle nervosos e alporízanse, polo que
debe facer a descuberta el só. Atopa no cuarto do ancián,
detrás dun libro de Simbad, unha caixa con fotografías e cartas
do avó ao seu irmán Bernardino. Tamén unha tarxeta co
enderezo da taberna. Grazas a ela, chega ao bar de Bernardino, onde se agacha o
avó e no que, cando tamén aparecen os pais á busca de
Paulo, aclaran o enredo: o ancián fuxira porque o fillo quería
metelo nunha residencia e el non podía soportar a idea de separarse do
neto, a súa razón de vida dende que nacera, pouco despois de
quedar viúvo. Só para el e con el o ancián é capaz
de recuperar por momentos unha certa normalidade intelectiva, deterioridada
polo alzhéimer. Finalmente, atoparon a mellor solución para
todos: un Centro de Día soluciona a problemática da
atención familiar e á noite o capitán volve onda o seu
Simbad. |