blix



Xabier P. Docampo: Catro cartas
Ilustracións de Fino Lorenzo

Col. Sopa de libros, 12. Ed. Anaya. Madrid, 2000

Catro cartas

Conxunto de catro cartas unidas por un elo común: o amor.
Comeza coa carta á amada, como orixe e fin da súa escrita, pois todo canto escribiu foi como unha carta dirixida a ela. O amor que sente estivo sempre mantido polas palabras dos poemas roubados a outros para ela, primeiro, e dos textos que el escribiu, despois, e que ela compartía léndoos con emoción. Porque contarse un conto é o mellor esconxuro para desterrar o meigallo que intenta destruir o amor.
O fillo é o destinatario seguinte dunha carta que lle debe dende hai anos, dende os primeiros tempos dos libros que compartiron, mesmo alternando a lectura, até agora que xa non o precisa para as súas viaxes polos libros.
A lembranza da mai, logo de tantos anos nos que aínda vive na memoria, tamén está chea de palabras, das enigmáticas letras dos tangos cantados, os recitados de versos de San Juan de la Cruz ou as lecturas que el lle facía en voz alta.
A literatura, personificada en Robert L. Stevenson ou Tusitala, pecha a serie. A reiterada lectura da fascinante "A illa do tesouro" conseguiu que aprendese a ler de verdade e a amar en liberdade.
Pechan o libro unha nova carta e mais unha entrevista. A modo de reflexión compartida, o escritor diríxese ao lector porque unha carta é unha maneira de comunicarse e coñecerse tanto como de recoñecerse nas propias palabras. Ademais da aventura da busca anecdótica da palabra descoñecida dipsómano, remata cun chamamento a que o lector manteña acesa a chama dos relatos lidos ou escoitados para que non se racha a infinita arañeira dos narradores que van pasando os relatos a través do tempo e do espacio. E, finalmente, o ilustrador presenta a maneira de entrevista a súa concepción do traballo coa imaxe, que debe aportar outras lecturas ao texto, incluídas as que o contradín para ampliar así os seus significados.

60 p. - 20x13 cm.                                                           ISBN    84-667-0004-8



Opinion