blix



Xabier P. Docampo: A casa da luz
Ilustracións de Xosé Cobas

Col. Sopa de libros, 20. Eds. Xerais. Vigo, 2002

A casa da luz

Alicia é unha rapaza trastísima de moi bo corazón, que quere descubrir as cousas por si mesma. Cos seus catro amigos (Álvaro, Aida, Anxo e Alba) anda a construír unha cabana de xestas e paus no Campo da Igrexa de Eiravella. Na tarefa estaban cando apareceu Pumariño, un home duns setenta anos que fala con debuxos no chan e sinais, que lles ofrece a súa axuda. Coa personalidade transtornada desde que sendo neno viu cómo lle mataban o pai na guerra, ten a teima de desfacer valados buscando entre as pedras un pucheiro de ouro que seica agachou seu pai canteiro, polo que os maiores non queren que seus fillos se relacionen con el por "toliño". Como, ultimamente, lle dá por furar nas paredes das casas buscando o pucheiro, ameazado polos veciños, desde hai uns días non se deixa ver por Eiravella.
A iniciativa de Alicia van á súa casa, onde garda chaves e reloxos que atopou nos valados e tamén uns fermosos debuxos fermosos, sobre todo un con dúas mans xuntas pregando pintado por el a partir dun debuxo de Durero. E tamén o San Paio desaparecido, tallado en madeira dunha cerdeira súa. Os rapaces gardaranlle o segredo.
Volven outro día onda el, que os leva a unha misteriosa casa. Na sala, hai numerosos cadros pintados polo dono, ausente. Teñen a particularidade de que se pode entrar neles: el métese no dunha casa con tres portas; Alicia, no dunha mazá pendurada nunha cova colorista, de sabor marabilloso; Álvaro, no dunha fraga sorprendente onde as árbores semellan vivas; Anxo, no dun perigoso videoxogo. Mentres están nos cadros, o tempo párase.
Ao día seguinte, na casa xa non están os lenzos do día anterior senón só un: unha labiríntica estructura de trabes e columnas cunha torre no medio. Entran todos nel e chegan a unha cidade, na que dous gardas lles permiten entrar coa condición de que non falen cos milleiros de traballadores do campo nin entren na Torre. Alicia atrévese a falar con Lucrecia, que lle conta que seus pais viñeran traballar á cidade para recuperar as súas ás e volver ao seu país con elas, que lles permitirían voar de novo en liberdade. Nunha taberna, atopan a un home barbado con caxato: era Duarte, o pintor amigo de Pumariño. Entrara no cadro que estaba a pintar, intentando descubrir dentro del a posible beleza existente nese futuro que non lle gusta. Explícalles que os pais de Lucrecia, como os demais, tiveran que saír do seu país buscar o pan; sen el, faltábanlles as ás da liberdade, que recuperarán cando teñan diñeiro e poidan volver á súa terra. Mentres, Pumariño, gabeando pola Torre e facendo buratos na parede, atopa o pucheiro.
Cando os gardas descobren a Duarte e os rapaces dentro da Torre, fanos prisioneiros. Liberados por Alicia, son perseguidos polos gardas entre un sarillo de escaleiras que non se saben se soben ou baixan nin ónde levan (descobren entón a unha muller moi fermosa no alto da Torre, proba, para o pintor, de que tamén alí hai beleza), ata que, capturada Alicia, o Señor da Torre ameaza con matala se non recupera o pucheiro. Escapan todos cando Pumariño llo tira á cabeza, derramando o seu contido, que a xente apaña: son moedas de ouro, que por certo teñen unha certa forma de á de paxaro. Pintando nunha parede branca a fachada dunha casa, a porta condúceos de volta á casa dos cadros. Xa case son as oito e os rapaces deben volver ás casas, pero Duarte queda traballando toda a noite no cadro. Ao día seguinte, desaparecera o labirinto, no centro tiña unha torre con buratos nas paredes e na terraza a fermosa muller co aire pasándolle as follas ao libro de poemas.

192 p. - 20x13 cm.                                                       ISBN    84-8302-884-0



.  
MATERIAIS

  .  Proxectos de Animación á Lectura - Edicións Xerais




Opinion