|
Recorda Roi que sendo un cativo entrou a traballar na fonda do
fidalgo, a Pousada do Corvo. Nacera no portocelo de Sabadelle, preto do cabo
Vilán. Seu pai andaba embarcado por América ao servicio da Coroa.
Á volta, no pouco tempo que lle quedaba de vida, contoulle fermosas
historias do mar e meteulle a febre da navegación. Con quince anos,
coñeceu a ferocidade do terrible e sanguinario pirata Arripai,
coñecido tamén como o Demo Negro, o derradeiro dos grandes
bucaneiros do Caribe, que arrasou os portos da Costa da Morte, violou as
mulleres e raptou a Mariña, a inseparable amiga de Roi. Traballando logo
nun almacén para barcos, escoitou tantas historias sobre o poder do
pirata que soñaba con embarcar e enfrontarse a el. Tres anos despois,
coa arribada á vila do capitán Araña, que lle tiña
a morte xurada a Arripai, realizouse o seu soño. Enrolado na goleta
Aurora, foi un membro máis da tripulación do mítico
capitán con patente de corso por licencia real. Era o tempo do
próspero comercio coas Indias, traendo froitos das colonias do Imperio
do soberano Carlos, tan apreciados en Europa. Cando chegaron a Veracruz,
onde tiña a base o capitán, saíron na demanda de Arripai.
Localizárono e perseguiron o seu barco Intrépido, que encallou
nuns cons e, atrapado nas rochas a mercé dos canóns do Aurora,
partiu en dous. Pero un terrible vento e montañas de ondas provocaron
tamén o naufraxio da goleta do capitán Araña. Só se
salvaron Uktena -indio, un dos últimos membros dunha tribo perdida-,
Pinto -o can do capitán Araña- e mais el, gracias a unha
táboa e á experiencia daquel. Entón puideron pasar a
Tampa, na Florida, terra católica e española. Segundo informa
o autor ao final do libro, o barco, a tripulación e mailo capitán
Araña existiron realmente, aínda que a historia é
ficción. |