|
Colección de doce relatos, seis deles
autobiográficos e outros tantos presentando realidades alleas diversas,
próximas ou afastadas da súa realidade vivida. Nos seis
primeiros conta como Fuquiño espertou unha mañá cun
sorriso nos beizos porque soñara coa infancia coruñesa. E lembra
nos seguintes relatos: cando Fuquiño chorou asustado ao ver os
cabezudos; o día que foi co pai e a irmá na moto para comprar
material escolar e seu pai aceptou mercarlle un afialapis con forma de
televisión e imaxes dos Picapiedra; de como o castigaron o primeiro
día de escola mandándoo ao cuarto dos ratos; do día en que
non puido ver unha pelicula para maiores de catorce anos porque aínda
tiña dez; da desilusión de saber que os Reis Magos non existen
compensada co regalo do traxe do cabo Rusty, da serie de televisión
Rin-tin-tin. Os seguintes presentan situacións ás veces moi
afastadas na xeografía aínda que próximas na solidariedade
humana. Así: Pancho, que fora mariñeiro, paseaba polo peirao,
nostálxico, orgulloso da súa fermosa embarcación a velas,
a Serea Dourada, e un día botouse nela ao mar a buscar a súa
serea. Alberte sempre foi amigo dos animais: de pequeno tiña unha
tartaruga, á que chamaba Raio Veloz; agora de maior ten un can. Unha
noite de inverno durmiuse ao pé do lume e soñou que o can lle
falaba. Un espectáculo do maxia só fascinou a Iago, que de
rapaz xogaba a ser mago, e de maior marchou de médico a África
cunha ONG. Dende entón regálalles a súa maxia a grandes e
pequenos. Unha parella de labregos chineses que vivían felices na
súa aldea, moi afeccionados á música sufriron un
día o desmaio dela, que botou dez anos en coma até que un
día recoñeceu ao home, quen todos os días ao acabar de
traballar ía tocarlle unha peza no hospital. A un coñecido
debuxante cando era neno xa lle gustaba escribir nas paredes, nas que un
día deixou gravada unha frase de despeito para a rapaza da que se
namorara, despois de que ela escollese a un amigo del. O senegalés
Seydou embarcou un día nun caiuco para saír da miseria familiar.
E, malia os enganos dun mafioso, grazas a un barco galego que rescatou os
sobreviventes en alta mar conseguiu chegar a España, traballar e enviar
cartos á mai enferma. Polo menos, de momento... |