 |
Buguina é unha cuncha de nácara
afundida no areal da illa do Esquecemento, un anaco de terra perdido na
inmensidade do océano Ausente. Semienterrada na area, cobizaba aflorar
á superficie. Un día un navío naufragou, como tantos
outros que, enganados pola aparencia tranquila das augas e a beleza dos
arrecifes de coral da illa, descoñecían o poder de succión
do remuíño que a envolvía. E de pronto ela sentiu ao seu
lado un náufrago, quen, sen comer nin evacuar os seus humores corporais
nin durmir, seguía sentado, inerte. Ademais, perdida a memoria,
converteuse en Nada sen lembranzas na Illa do Esquecemento: ignoraba que se
sentía infeliz e tampouco sentía o sabor das bágoas que
lle saían. Pasaban os días e o náufrago era unha
estatua sen condición humana, perdidas a memoria, a mobilidade e a
sensibilidade. Aínda que os seus órganos vitais seguían
funcionando, non sentía: era Nada Esquecida na Ausencia. Mentres, a
Buguina sentía emocións e mesmo tivo un pesadelo dun barco con
seres monstrosos. Ata que se sorprendeu toda fóra da area, libre.
Esvarou achegándose ao pé de Nada, atreveuse a rozalo, e el
comezou a sentir o sangue circular, a recuperar as sensacións nos
pés enterrados e lembrar a súa nenez con arrepío. Mais as
pernas afundíanselle na area e Buguina soa non o podía rescatar
da "súa imparable viaxe". Un paxaro veu peteirarlle un ollo, pero a
coiraza metálica protexeuno e o paxaro crebou, sendo engulido polo mar.
Os microorganismos da area atacaban a súa pel soterrada, pero tremeu e
fuxiron. Con máis de medio corpo enterrado, recuperada a sensibilidade
nos pés, non se daba movido. Ela sentiu amor por el e a impotencia de
non poder impedir que se seguise afundindo. Levantouse o tornado Augavento
cando se achegaba un navío. Buguina loitaba por quitarlle a area a Nada
e acercándose á súa boca conseguir que saíse aire
dela para transformalo en chamada de auxilio ao barco. Os dous empezaron unha
loita desesperada pola vida. O náufrago intentando manter a cabeza
ergueita, presentindo que alguén o acompañaba na súa
batalla. O barco pugnaba co vento sen conseguir aproximarse á illa. Cen
días e cen noites durou a batalla entre o océano Ausente, coa
complicidade do tornado de area, e o navío procedente do outro lado da
curva do horizonte, os mesmos que Buguina e Nada se mantiveron
inmóbiles, cosidos polos beizos, el con só a cabeza por riba da
superficie. Entón recuperou a memoria: subira a un cruceiro para
esquecer un desamor, pero nun momento dado o pánico adonárase da
tripulación ao chegar ás illas de coral nas que a lenda fala dun
mar sanguinario, da alianza de Poseidón co tornado Augavento para
impedir que ningún barco se acerque ao seu niño de amor na Illa
do Esquecemento. Buscou no seu abdome o aire envasado durante tantas xornadas
de inmobilidade, enviouno á boca rompendo a coiraza en dúas
metades. E Buguina, convertida nun corno, recibiu o sopro e un son de mar
rebotou por toda a illa, transformando o tornado nunha brisa, durmindo ao deus
Poseidón. O náufrago ergueuse, pisou a buguina co pé sen
darse conta, enterrándoa na area, e botou a nadar cara ao barco.
Entón o mariñeiro Titán, o que desafiara a
Poseidón, berroulle que non esquecera o seu talismán. E volveu
pola buguina. Logo, nadou cara ao navío "coa ilusión dun amor de
estrea", curadas xa as cicatrices do seu desamor. |