blix



Xavier López Rodríguez: Brumoso
Ilustracións de F.L. Juárez
Col. Merlín. Eds. Xerais. Vigo, 1998

Brumoso

Novela na que un mozo relata o que lle aconteceu tras contraer unha débeda relacionada coa droga. Así, foxe co seu avó que, tras rifar coa súa filla, tamén se decide a marchar da casa.
A obra divídese en tres partes. Na primeira, titulada "A fuxida", o avó e o neto emprenden a fuga procurando non deixar pegada, e diríxense á aldea natal do primeiro, un lugar coñecido co nome de Brumoso e que lle dá título á segunda parte, na que atopan pousada na casa dunha veciña vella. Mentres están na aldea o mozo descobre un mundo totalmente descoñecido e moi diferente ao seu mundo urbano.
A segunda parte está tamén marcada polo misterio, posto que a hospitalaria vella vaise volvendo malencarada e semella que garda algún segredo nun pozo atoado con cascallos. O mozo e o vello sospeitan que a muller ten enterrado alí ao seu marido, do que ela di que marchou un bo día e nunca máis volveu.
Na terceira parte titulada "Volta" emprenden o regreso á casa logo da intervención da Garda Civil, que xa os tiña controlados dende o primeiro momento da fuga. Cando chegan á casa son acollidos con pouco entusiasmo e o problema coa débeda que provocara a fuxida xa estará solucionado.
O libro inclúe ao final a habitual sección da colección Merlín "Cando o autor fala de si".

144 p. - 19x14 cm.                                                          ISBN    84-8302-247-8



A nosa literatura infantil e xuvenil 1998
Gálix (Asociación Galega do Libro Infantil e Xuvenil), Biblioteca "Nova 33" -Obra social da Caixa Galicia
Coordinación: Mª Isabel Soto López
Xunta de Galicia - Consellería de Cultura - Dirección Xeral de Cultura. Guías culturais, 18. 2000



Opinion