 |
Despois de ler o
"Cyrano de Bergerac" de Rostand, Breogán Folgueira tamén quixo ir
á lúa. Unha noite, axudado por unhas botellas de auga lixeira,
elevouse e chegou a unha lúa invisible para os homes, onde puido
coñecer a un escoler, un dos cabaleiros das nubes que habitaron as
montañas de Galiza ata que os botaron os racionalistas.
Breogán, de 14 anos e fillo de albanel sindicalista, é un lector
apaixonado dos libros fantásticos e de cabalerías. Por iso non
é raro que outro día, lendo o "Amadís de Gaula" e sentindo
a fermosura de Oriana, cando viu pasar unha rapaza transformouse en cabaleiro
andante e notou que ela era a Doncela das Altas Torres. En realidade, era
Dosinda Areses, irmá dun compañeiro de clase. Gracias a el, puido
coñecela e falándolle como nas novelas cabaleirescas
encontráronse ben xuntos e... foron ao cine. Desde entón, sempre
queren estar xuntos, polo que amañan para que Breogán vaia unha
semana á praia de vacacións coa familia dela, aínda que
para os pais só é o amigo do irmán. Co este de
cómplice, non perden oportunidade no areal para estaren sós.
Cando empece o curso, Breogán está disposto a prepararse o xantar
a cambio de poder ir ao instituto da moza. Breogán non esquece sen
embargo o seu mundo fantástico dos libros e con eles coñece os
moradores do lume, a Pegaso no libro secreto do San Cipriano ou a
Tristán e Isolda. Pero non está só: como o anel
marabilloso que Dosinda recibe, agora soñan xuntos os dous, polo que non
é raro que acaben entrando por unha carballeira nun misterioso
xardín, onde ante unha porta de almafí con manilla de corno
"collidos pola man saíron ao mundo" Inclúense tres
apéndices literarios: sobre a historia dos escoleres, sobre
Tristán e Isolda (incluíndo a versión galega dun "lai" de
María de Francia) e mais un índice de personaxes presentes ou
citados. |