|
Marta e seus pais
están de mudanza para unha casa grande onda un parque nas aforas da
cidade. Segundo lle escribe nunha carta a primeira noite a Milena, a súa
mellor amiga da panda de Pontebranca, a xente di que é unha casa
enmeigada e sobre ela cóntanse historias estrañas e inquietantes.
Aínda que non hai vento, o balcón ábrese só e algo
parece arrastrarse pola habitación: Marta agáchase aterrada na
cama ata que queda durmida. Ao almorzo, Clara (a mai) quéixase dos
ruídos da noite e de que o armario movérase só. Marta
conta o seu, pero o pai explícao polas correntes magnéticas do
terreo, e repara portas e bisagras. Nin esa noite nin nos días seguintes
sucede nada estraño. Pasadas unhas semanas, ao se ir deitar, logo de
observar as estrelas polo telescopio da mai, no cuarto de Marta están os
libros, que ela deixara nos andeis, ciscados polo chan. Unha tarde que os
pais van de viaxe ábrese o balcón do cuarto, móvese o
armario e caen os xogos que estaban enriba del, entre eles o scrabble, do que
se moven as fichas compoñendo palabras: alguén invisible quere
falar con ela a través do ordenador. Na pantalla, escribe que vive nese
cuarto desde 1947; prefire falar con ela porque o pai é un descrido e a
nai desacóugase; só quere conversar pois leva máis de 34
anos sen falar con ninguén, logo de que no 66 morrese dona Laura, a
última coa que falou a través da máquina de escribir. Por
unha maldición, non pode saír da casa, pero non é un
fantasma das películas: é outra cousa difícil de
explicar... e suspende a conversa pois entran os pais da rapaza. Despois de
cear, Marta volve ao ordenador: no ficheiro non se gardaran as palabras
del. Marta intenta nos días seguintes comunicarse co "amigo" a
través do ordenador, mais non obtén resposta. Ata que unha noite
ao atopar a cama desfeita acende o ordenador e conversan. Dille que non
é home nin muller, que desaparecerá cando tiren a casa e que lle
botara sal á sopa de verduras intragable porque non soporta o seu cheiro
(máis adiante botaralle formigas). Marta acorda chamarlle Pan (por
"pantasma"). En sucesivos encontros, ela resólvelle dúbidas sobre
a actualidade do mundo. A finais de agosto, cóntalle a Milena noutra
carta que sente medo ao descoñecido pois logo vai empezar Secundaria.
Non ten amigos e non sabe como a recibirán no novo centro, onde por
certo a mai imparte clase. Menos mal que ten a Pan para contarlle as
súas cousas. O primeiro día de clases, cando os
compañeiros saben que vive na casa do parque, comentan entre susurros
que está enmeigada. Cando llo di a Pan este cóntalle o conto
dunha casa enmeigada (da novela "Cartas de inverno"). Gracias a el
víngase de don Rodrigo, o profe que se burla das alumnas e mesmo lles
pega aos rapaces: tráelle o seu libro de texto e algo lle fai Pan que
cando o profe o abre na aula queda estarrecido, axeónllase e di "Si,
nunca máis", e pide a baixa ata despois do Nadal. Marta fai amigos
no instituto, sobre todo Miguel e Bea. No Nadal vena visitar a avoa Laura. De
cando en vez contacta con Pan, que lle conta historias que ela non é
capaz de trasladar ao papel coa súa gracia. A finais de abril, o pai
trae a nova de que o concello vai expropiar a casa para facer unha
circunvalación ao parque: teñen que deixala libre antes de que
remate maio. Sae a información nos xornais da cidade: casa con
fenómenos paranormais, mandada construír en 1921 por un indiano,
Xan López Domínguez... e Maika Louro, nunha reportaxe na
televisión local, con música de terror de fondo, informa de que
ocorren nela cousas tremebundas, que teñen asustadísima á
familia que a ten alugada. A familia de Marta indígnase por tal
manipulación das súas declaracións. Pero a vinganza
execútaa Pan: algo prepara nuns bombóns que lle regala Marta
á ´xornalista´ e Maika fai o ridículo en directo. Na
última conversa con Pan antes de gardar o ordenador para a nova mudanza,
Marta móstrase cambiada: gústalle Miguel e Pan alégrase do
que madurou nestes meses. El aínda non sabe se marchar da cidade ou
quedar polo parque un tempo. Despídese pedíndolle que lle dea un
bico a un punto brillante no cuarto cando apague o ordenador e que vaia ver o
derrubamento da casa. A voadura da casa resulta espectacular:
levántase unha enorme nube gris, vense cristais de cores, etc. E Marta,
que chegara á cidade sen amigos, agora sente que xa non está
soa. |