blix



Paco Martín: Auga para encher un cesto
Col. Catavento, 1. Tambre / Editorial Luis Vives
Zaragoza, 2002

Auga para encher un cesto

Conxunto de oito relatos ben diversos na técnica, realista ou fantástica, e no eixo espacio-temporal.
Gombó é un mozo duns catorce anos que saíu hai medio ano da súa aldea africana e leva tres meses asentado en Galiza. Mentres vai co seu carretillo recollendo os aparellos domésticos que a xente tira, recorda a súa particular odisea. Como a seca na aldea (que non está no medio da selva, por certo, e onde el aprendeu a ler e escribir en francés) duraba xa varios anos e chegara a un punto insoportable para todos, animais e persoas, decidiu probar sorte en Europa, como tamén tres dos seus irmáns. No camiño, uniuse a diferentes grupos, mais foi recibido con receos por non poder pagarlle aos guías cos poucos dólares que a súa irmá casada lle dera. Ata que chegou a un porto de mar. Dúas mulleres engaioladas pola súa fermosura trouxérono de polisón no seu iate e gracias a un dos tripulantes cando atracaron en Lisboa o dono dun café facilitoulle a vida a Galiza nun camión.
Agora recolle obxectos para Melquíades, o chatarreiro que se os arranxa para regalárllelos aos necesitados, que mesmo habilitou no seu pendello uns cuartos para os que non teñen teito, como Gombó. Tamén lle axuda Dona Engracia, a quen leva no carretillo onda Melquíades pois está disposta a adoptalo (como a outros antes): é merecente de conseguir un futuro mellor.
En O pozo narra a voz en primeira persoa dun peregrino que está a facer o Camiño de Santiago a historia do pozo abandonado onde un can de palleiro parece montar garda. Seica unha fermosa mociña italiana, filla dun importante señor de Florencia que a ofrecera ao apóstolo por unha doenza que tivera de cativa, peregrina a Compostela co seu séquito de serventes, bebeu a auga tan saborosa do pozo, mirouse nas súas augas como nun espello e regaloulle ao mozo da casa unha luva de seda verde; desde aquela o mozo pechou o pozo para que ninguén lle roubase o rostro dela. Pasaron os anos e só quedan as actuais ruínas. E o can segue alí, "perseverante gardador da nosa historia".
Un reguiño na Terra Chá conta a historia dun reguiño que se cadra existe. Formouse coas bágoas derramadas ao longo dos anos por un alfareiro na vasilla máis fermosa que nunca se vira. Modeláraa para unha moza loura que un día lle foi comprar, agardando poderlla regalar un día. Pero pasaron os anos e a súa amada nunca volveu aparecer.
O noso home no cine presenta a maxia do cine desde os ollos duns rapaces que, alí no galiñeiro, observaban fascinados a presencia dun home de mans grandes e ollar triste, que proxectaba as películas desde a misteriosa cabina. Debía ser el quen conseguía que os finais fosen, aínda nas peores situacións para os bos, sempre felices. Mais un día que un avión se ía estrelar irremediablemente no océano, a sesión viuse interrompida. Entón todos os rapaces souberon que morrera atropelado por un camión o home do fornelo, e concluíron que xa ninguén sería capaz de salvar do desastre aos seus amigos da película.
Xograres desenvólvese na Idade Media, no tempo da lírica galego-portuguesa. Un labrego recibe a proposta dun xograr para que o acompañe nas súas actuacións e así o fai, con grande éxito, pois na súa torpeza e incultura asume o papel de parvo que provoca a risa do auditorio, mentres o xograr é o complemento imprescindible, o listo. Pasados uns anos, o xograr, que se sente menosprezado polos trabadores, consegue quedar na corte real como compositor gracias ás influencias do labrego. Este convértese en poeta popular, capaz de escribir e compoñer a música de cantigas para satisfacción das xentes do común.
Pierre, a piques de facer os 11 anos, vive coa mai nunha cabana e nunca coñeceu pai. Como é o rapaz máis agudo e humilde da comarca, esta primavera o cego e sabio Guillaume acéptao como guía na súa peregrinación polo camiño francés. Cando chegan a Compostela, perante o Pórtico da Gloria, o rapaz non é capaz de describilo, emocionado, e ao vello, conmovido polo seu silencio, enchéronselle os ollos de bágoas comprendendo "a sublime fermosura que agarda sempre no cabo dos camiños"
Grave perigo: A un mestre xubilado, unha agradable mañá de San Xoán, deulle por poñerse a ler tranquilamente nunha novela sentado na muralla de Lugo, no peitoril exterior e coas pernas cara a fóra, provocando un grande escándalo ata que foi retirado á forza. O peor é que non tardaron en aparecer máis persoas na mesma posición e lendo: alarma no goberno, por se se espallaba o costume e a millóns de cidadáns se lles ocorría poñerse a ¡ler libros nos muros, á vista de todo o mundo!
O Mixi aborda o cambio que se produciu en Berto, un rapaz moi mixirequeiro que non participaba nas guerras infantís cos amigos e cando alguén se metía con el marchaba chorando en busca da nai. Un día foi de excursión cos da catequese á mariña para coñecer o mar e caeu á auga no porto: desde entón xa era o neno que caeu ao mar, sentíase alguén e mesmo ollaba para os amigos cun aquel de superioridade.


92 p. - 21x13 cm.                                                          ISBN    84-263-3741-4



Opinion