|
Conxunto de vinte e cinco poemas en verso libre
titulados con cadanseu verbo, segundo a orde alfabética, que
constitúe o punto de partida para o motivo lírico. En clave
coloquialmente metafórica (a chuvia é unha "manda de nubes
elefantes / que buscan ríos nas rúas") os temas buscan a
comunicación desde a proximidade das situacións cotiás:
bailar ("debería estar permitido / bailar a todas horas"), comer,
enfadarse, envellecer, estrear, medrar, rir ou chorar (as bágoas son "un
río sen encoros" á procura do mar do noso peito "polo que somos
quen / de nadar como sereas")... En realidade, están os grandes
temas da poesía: se vivir (amando) é descubrir o "puzzle da
existencia", morrer é coñecer "o misterio da outra banda",
navegar é viaxar por un mar feito de estrelas e ser é un
"eusonnonsonsonsó". Ler o libro é viaxar para atoparse a un
mesmo, para volver á cerna onde sempre estivemos porque "os poetas
escriben / con follas de ouro branco / e ollos de maxia (...) / onde nós
só vemos / campo gris e amezante". Por iso esta poesía é
como unha praza "onde caben os nenos / que habitan os domingos / e comen
chocolate / e rin fóra das sombras". A edición
compleméntase cun moi axeitado traballo de
ilustración. |