Vigo
Vigo tr.gif (60 bytes)           Non te entendemos, non. ¿Como entenderte? Unhas veces parécesnos todo branco. Outras veces paréscenos todo negro... ¡Quen sabe!... Quen sabe se non serás branco e negro todo a un tempo. Senón que nós non te entendemos, porque estamos afeitos a discriminar, a clasificar, a pórlle prezo a todo, pero con ruindade... Quen sabe se non serás macho e femia, e vello e sempre novo, e velador e gozador..., e todo a un tempo... ¿Estás sempre de chola, sempre en xolda?... ¿Deixarasnos caer na escuridade para sempre?.... ¿Recollerasnos outra volta da poeira disgregada, se caemos das túas mans?... ¡Oh, Deusa-Deus, meiga-meigo, grande ilusionista, funambulista maior, super-bromista, hiper-artista, que, sen cansarte, inmóbil, brincas....! ¿Será que te ris de nós, deste rabaños disgregado como a poeira da morte, destes pequechos teus que non se entenden a si mesmos, que a si mesmos se separan, se clasifican, se autoaprezan e desprezan en razas, en cores, en continentes, SEN COMPRENDER QUE FORMAN UN SÓ MUNDO?.... ¿Será que Ti nos dás e nós afastámonos?

Bernardino Graña

 


Vigo

 Nacido o 1 de marzo de 1956. Licenciado en  Xornalismo pola Universidade complutense de  Madrid. Traballo na actualidade como deseñador  diagramador nunha editorial galega. Debuxante  autodiacta, teño publicadas caricaturas,  ilustracións e algún cómic en diversos medios de  comunicación: Diario de Pontevedra, Faro de  Vigo, El Pueblo Gallego, Coordenadas, Arriba, Posible, Tótem, Tintimán, Tentativas, Diario de Galicia e Diario 16 de Galicia. Recibín varios premios de deseño gráfico, entre eles o da Bienal de Cerveira en Portugal. Polo demais, comparto con Bernardino Graña, autor do texto que acompaña a miña ilustración, a idea de que estes tempos que corren habería que paralos para que non fosen tan á présa.


 

Anterior Seguinte