Ánxeles Maldonado
Ánxeles Maldonado

UNHA MANTA DE TRAPOS
    Cando eu era neno, lembro que na miña cama tiña unha manta feita con retallos de teas de diferentes texturas, debuxos e cores: unha manta de trapos. A min gustábame moito contemplala, e imaxinar que aquela superficie era como un inmenso territorio, como un gran continente formado por múltipels países, todos distintos pero todos necesarios para a existencia da manta.
   Ás veces, contemplando agora o globo terráqueo que a miña filla ten no seu cuarto, penso que o mundo é coma a manta da miña cama de neno: un mosaico de cores, un inmenso puzzle de culturas, no que tódalas pezas, as grandes e as pequenas, son necesarias porque son imprescindibles.
   Daquela, penso tamén na diversidade presente en tódalas manifestacións da vida. E sei que esa diversidade é o fío profundo que nos une a tódolos seres que vivimos neste vello planeta. Un planeta que non é máis que unha casa común, acubillada baixo esoutra inmensa que polas noites se enche de estrelas e nos acolle a todos.

Agustín Fernández Paz

 


Ánxeles Maldonado

Nacín en Madrid en 1961, actualmente resido en Pontevedra. Dedicada sempre a debuxar, tiven a sorte de traballar ó lado da debuxante Fuenciscla del Amo, quen me introduciu neste difícil mundiño da ilustración, pasando máis tarde a estudiar na academia de Eduardo Peña en Madrid. A miña carreira profesional como ilustradora comeza en 1985 traballando en diversas editoriais e revistas; ó tempo participei en exposicións colectivas tanto en España coma no estranxeiro. Actualmente curso estudios na Facultade de Belas Artes de Pontevedra. Pertenzo ás asociacións APIM desde 1985 e GÁLIX desde 1991. Traballo sobre todo no mundo da ilustración da literatura infantil e xuvenil en editoriais como Alfaguara, Escuela Española, Galaxia, Xerais de Galicia, Obradoiro. Na ilustración de libros de texto para Teide, Xerais de Galicia, Bruño, eEsla e teño tamén publicadas ilustracións en El Correo Gallego, Saber Leer (Revista Cultural da Fundación Juan March) e para a Revista de Servicios Sociales.


 

Anterior Seguinte