 |
|
Eu son unha desas bolboretas que despregan as
súas ás revoloteando polas rúas e prazas. Así
dicía o poema, alomenos. Pois ben, cansa de tantos ruídos na
cidade, de ler nos xornais catástrofes, inxustizas e malas novas botei a
voar seguindo o rebumbio que podedes observar. E aquí estou vendo como
mozos e mozas de distintas razas están a compartilo todo neste fermoso
recuncho da natureza. Ata os meus amigos, os paxaros, semellan turbados. Sen
perder un minuto máis, vou pasar a rentes destes xoves e bebe-las
súas cores diferentes. Cando volva á cidade, irei pousando un
chisco da súa ledicia naqueles lugares grises dominados pola
intolerancia, a tristura e maila incomunicación. Este será o
labor dunha modesta bolboretiña que escapou dun libro de poemas, sufriu
a néboa na cidade e entrou na cor desta ilustración para sentirse
un pouco mellor.
Antonio García Teijeiro |