{short description of image} vagalume
Publicación Infantil e Xuvenil

Edita: Lumeiro S. A.
Directores: María Isabel García de Leániz
Xosé Fortes Bouzán


Vagalume
Ampliar

"Publicación infantil e xuvenil" da que saíu o primeiro número en Santiago de Compostela con data de 1 de xaneiro de 1975. Pasou logo a editarse en Pontevedra, publicando un total de 46 números ata maio de 1978.

Cunha periodicidade teoricamente quincenal, aínda que de publicación irregular, tiña vinte páxinas por número, a dúas tintas, e portadas -tamén algunhas páxinas do interior-, a cores. Foi unha das primeiras publicacións periódicas monolingües en galego na época da transición democrática.

Dirixiu a revista inicialmente Marta Isabel García de Leániz. Desde o número 41-42, de xaneiro de 1978, figurou como director Xosé Fortes Bouzán. Entre os seus redactores, figuraron Alfonso Pexegueiro, Manuel Moldes e Manuel Rodríguez.

Pódense diferencias dúas etapas na súa concepción. Ata o número 12 mantén un esquema ríxido distribuíndo os contidos en seccións fixas ("Editorial", "A nosa historia", "Xeografía galega", "Matemáticas", "Ciencias","Contos populares", "Galego na escola", "Xogos", "Teatro", "A vida mariñeira", "Contos dos nenos galegos" e "Concursos"). Entre os colaboradores literarios e gráficos figuraron Xoán Babarro, C. Barra, H. Castro Blanco, J. Ferreirós Rey, A. Gómez Gil, A. González, Paz López Facal, Ferreiro, Siro López, Xan Navarro, Pablo Rodríguez "Oitabén", V. Rodríguez, F. Sánchez, Ricardo, Xesús Pereira Vilariño, J. Llorca, Xesús Vázquez Castro, Xosé María Méndez, Xiráldez, Xaime Trepart e Pura Vázquez.

Na segunda etapa, que comeza co número 13 en xaneiro de 1976, os propios nenos e nenas aos que a revista ía dirixida eran os autores dos contidos. Incluía seccións diversas referidas á actualidade, ao floclore ou á vida galega e apartados de creación infantil. Obras teatrais publicadas na revista, foron representadas por aquela época en repetidas ocasións.

As dificultades económicas provocaron a súa desaparición definitiva en 1978.

Vagalume