novelaIsabel Freire crea o personaxe de Bilbo Bons15.05.2008 Asegura que é "o máis grande detective da historia aínda que ninguén o coñeza" ·· É unha novela que achega o "sentido da lealdade" aos cativosV. OLIVEIRA . SANTIAGO
Mais, lonxe dos arquetipos de detectives máis habituais, este personaxe, segundo di a autora, é "inxenuo, bondadoso, amigo dos animais e moi curioso, unha curiosidade que o leva a seguir calquera cousa estraña". Así comeza a primeira aventura de Bilbo Bons que, investigando a desaparición dunha marsopa do zoo, dá cun home no mercado que pide centos de quilos de polbo. Acompáñao o narrador da historia, o seu bo amigo o comisario xefe de policía Roncudo Lor, un home "malhumorado e gruñón, que se deixa arrastrar e non é curioso pero que mantén unha amizade bonita e sincera con Bilbo", apunta a coruñesa. Autora dunha serie de literatura infantil dedicada ao peixe Glub, Isabel Freire coida que os ingredientes para unha novela dirixida aos máis pequenos "son os mesmos que para adultos". Ao seu ver, "hai que facer algo divertido para captar os lectores, e empregar unha linguaxe adaptada aos niveis de lectura" para que quede un pouso, que no caso da novela, é "o sentido da lealdade". "Os que estamos pelexando por unha literatura en galego, non o temos fácil porque teño a sensación de que os pais, incluso os galegofalantes, lles len cada vez menos contos en galego aos fillos", opina. "Fanse cousas moi boas en literatura infantil -apunta- pero as cifras de vendas son aínda moi modestas". Por iso coida que o mellor desexo para o Día das Letras é que "se lean máis libros en galego aos nenos: eles pásano ben e proporcionámoslles un imaxinario propio". DATOSUnha serie sobre o peixe Glub A xornalista coruñesa Isabel Freire é xefa de comunicación e protocolo da RTVG. Como autora de literatura infantil publicou a serie Glub contra Blef, Un susto para Glub e Glub, o incrible peixe-bala. DATOSDe Fernández Paz a Rowling A escritora e xornalista Isabel Freire considera a Agustín Fernández Paz e Marilar Aleixandre os seus referentes galegos en literatura infantil e xuvenil. Á vez, aínda ten na retina as aventuras de Emilio Salgari, Julio Verne, Stevenson ou Tolkien mentres que tamén leu todos os best-sellers de Harry Potter escritos por J.K. Rowling. "De nena fun unha lectora voraz, estaba namorada dos libros de aventuras, e mesmo quedaba coas amigas para xogar ás agachadas e, mentres agardaba, poñíame a ler", asegura. Como fixera co seu anterior personaxe, a autora coruñesa non descarta converter a Bilbo Bons en protagonista dunha serie de varios libros. Porén, hoxe en día, ten unha novela do xénero fantástico sen publicar que probablemente edite nos vindeiros meses. "Moita da literatura que lemos é de fora, de maneira que aprendemos imaxinarios alleos. Dábame rabia que os nenos soubesen o que era un troll pero non coñecese os personaxes dos nosos bosques, un labor de divulgación necesario", explica.
|