Vieiros Cartafol de libros

Edición xestionada por Héitor Mera
 FORO

A sección onde deixares as túas opinións, comentarios ou suxestións e debater con outros internautas.
 AS WEBS DE AQUÍ

Consulta no directorio de Vieiros as páxinas sobre literatura, editoriais e librarías

 

O pracer da poesía
[27/02/2006] por Manuel Rodríguez Alonso

Poetízate
Poetízate
Fran Alonso (ed.)
Xerais, Vigo, 2006. 213 páxs.

Fran Alonso preséntanos unha antoloxía da poesía galega, dende Rosalía ata os poetas máis novos, pensada especialmente para adolescentes, pero tamén para toda aquela persoa que queira afacerse a ler poesía. A antoloxía comeza, nun interesantísimo prólogo teórico, por desbotar os tópicos que corren sobre a poesía: os poetas son xente rara, falan de cousas doutros tempos nunha linguaxe incomprensible... Pola contra, Alonso establece que os poetas son xente coma todo o mundo, coma ti e coma min, que expresan as emocións, problemas ou teimas que nos asaltan a todos, dende o amor ao desexo dunha sociedade máis xusta pasando pola visión humorística da realidade, e que parten da linguaxe común para elaborar unha lingua poética capaz de suxestionarnos coa súa beleza e orixinalidade.

A antoloxía que nos ocupa non se planea ao xeito das antoloxías da poesía canónicas ou das que aparecen nos libros de texto de literatura, en que se escolman os poemas que a crítica oficial ou o canon consideran imprescindibles, pero que poden quedar moi lonxe dos intereses e ata gustos do lector que se inicia na poesía. Por outra banda, o antólogo tampouco ten en conta para escolmar os poemas o politicamente correcto ou o que pensan certos profesores e pais/nais de alumnos/as sobre os textos que deben ler os rapaces nos colexios e institutos, como adoito fan os nosos libros de texto de lingua e literatura (dalgún sabemos que censurou certo poema de Curros, aínda hoxe, porque podía non gustar nos colexios concertados relixiosos...). O antólogo segue criterios estéticos e de actualidade.

O autor da escolma considera así mesmo que a literatura e a poesía non teñen unha función subsidaria, como as de ensinar lingua ou de transmitir valores politicamente correctos, senón que a súa función é simplemente a do pracer que proporciona a lectura da poesía. En primeiro lugar e ante todo, un pracer estético, que nos fai gozar coa fermosura do verso.En segundo lugar, o pracer de nos coñecermos mellor a nós mesmos grazas á lectura dos poemas.

Os poemas elixidos falan de amor, paisaxe, inxustiza social, desencanto, paso do tempo, a ledicia do amor ou da amizade... Cando lemos as emocións, teimas e ideais que nos transmiten eses poemas, estamos a descubrir o que de namorados, desenganados ou xusticeiros e ata revolucionarios ou conservadores aniña en cada un de nós. Estamos a coñecer os outros que todos levamos dentro de nós mesmos.

Alonso non propón unha lectura filolóxica ou racionalista do poema. Anima cara a unha lectura intuitiva, emocional, onde cada lector pode atopar os significados que lle parezan ben, onde poden quedar cousas sen entender e mesmo escuras. Ata pode pasar que nun poema entendamos pouco, que pareza que, ao lermos, camiñamos a través dunha mesta néboa, que non deixa case que ver un burro a dous pasos. Non pasa nada. A poesía tamén ten a función de amosar que a vida é misterio, imposibilidade de coñecer e controlar o futuro. Non vén mal, ás veces, que nos sintamos inseguros. Pero fronte a estes poemas da néboa, están aqueles que dun xeito claro amosan unha paisaxe fermosa que cómpre conservar, a inxustiza social que hai que erradicar, os tópicos interesados que nos transmite o sistema e que hai que desbotar, a pena e a alegría... Coma a vida mesma!

Cómpre ler con atención o prólogo e o epílogo que o antólogo lle pon a esta escolma. Apréndese máis neles que nas adoito noxentas clases de pedagoxía barata que adoitan recibirse en ICEs, Centros de Profesores, libros do alumno, probas de selectividade e similares, que son verdadeiros atentados, en moitos casos, contra a formación de lectores coas súas parvadas, que converten a clase de lingua e literatura nunha actividade de buscar prefixos e sufixos, erros gramaticais, sinónimos e antónimos, transmisión de valores politicamente correctos... e que descoidan que a función desta materia de lingua e literatura é realmente formar xente que saiba ler e gozar cun texto e tamén que se lance a escribilos.

Benvida sexa esta antoloxía de Fran Alonso non só polo que é en si mesma, senón pola pedagoxía da lingua e da literatura que propón, agora que a literatura anda a desaparecer dos plans de estudo ou que se desvirtúa como subsidaria do ensino da gramática, do léxico, da normativa ou xa non digamos da transmisión de valores politicamente correctos.