Ana Carreira é escritora, actriz e
contacontos. |
 |
Recoméndacho...
Ana Carreira
Cando lin por primeira vez
A noite dos animais, Agustín Fernández Paz levoume pola
man á infancia. Lembroume a non premeditada decisión infantil de
soñar.
Do mesmo xeito que Raquel, a protagonista do libro, debuxa
toda unha fauna de desexos nun libro máxico, eu miraba nubes que
materializaban viaxes ou pechaba os ollos e a miña mente fluctuaba por
paisaxes de novas sensacións.
De volta ao mundo adulto
percátome de que as arelas infantís seguen presentes só de
modo intermitente e a capacidade para soñar deseña proxectos de
felicidade con interferencias de dor.
Tento descubrir en qué
momento os seres maléficos dos contos convenceron aos que nos tutelan de
que a diversión pasa pola posesión de obxectos lúdicos
globalizadores. Busco no fondo dos tesouros piratas e non vexo o poder da
imaxinación. Pido ás fadas o don da creatividade e descubro que
na punta das variñas máxicas xa non hai estrelas. As
casiñas de chocolate son derrubadas para construir granxas humanas.
Carrapuchiña xa non ten bosques polos que pasear e cada vez existen
máis Cincentas escravizadas polos seus príncipes.
Pero
sigo soñando, e teño na man un tesouro de follas de papel e
paisaxes de tinta, un enfeitizador de nubes, unha noite chea de respostas, A
noite dos animais.
Raquel e eu sabemos cómo se crean as cores
e sabemos en qué rincón do fondo do noso corazón agachamos
o libro máxico. E alí, no recóndito espazo onde nos
queremos refuxiar, soñamos, desexamos e decidimos a nosa vida
máxica. |