|
Ano de
Publicación. 2005
|
|
Autor. |
|
Coleccion.
|
|
Número de pax.
|
|
ISBN. 84-9811-011-4
|
|
|
|
 |
|
 |
|
 |
|
/3 - 10 -
2005/ Na catedral de Santiago unha raíña dorme o seu sono de pedra. Unha
noite no ano, Berenguela acorda e percorre a cidade. A noite da raíña
Berenguela é a primeira peza de teatro escrita por Neira Cruz e fíxose co
Premio Lazarillo de Creación Infantil e Xuvenil outorgado pola Organización
Española para o Libro Infantil e Xuvenil OEPLI- entre as cento vinteoito obras
presentadas en catro linguas cooficiais españolas. Xosé A. Neira Cruz soubo argallar
un texto literario utilizando a figura histórica da raíña e adobiándoa
de fantasía e imaxinación.
Isabel Soto. Santiago A memoria da
raíña Berenguela permaneceu no noso imaxinario popular perpetuada no folclore
infantil, malia que a súa historia pertenza a tempos ben distantes. Algo especial tivo que
ver nela o pobo para conservar intacta a súa memoria, sobre todo en Compostela, onde ano
tras ano se lembra a fermosa lenda arredor da súa festa maior do 24 de xullo, esa noite que
enche de maxia a cidade e na que Berenguela pasea feliz, xenerosa e libre por todos os seus
recantos, contaxiando a súa beleza a quen se lle cruce no camiño.
Xosé
A. Neira Cruz soubo argallar un texto literario utilizando a figura histórica da
raíña e adobiándoa de fantasía e imaxinación. O resultado
plasmouse nesta súa primeira peza teatral coa que mereceu o prestixioso Premio Lazarillo
2004, o máis antigo dos existentes a nivel estatal. A esta condición de obra
premiada, competindo con obras de todos os xéneros en todas as linguas do Estado,
únese o feito de se presentar nunha nova colección, Camaleón, que
irrompe no mercado da LIX galega da man de Planeta & Oxford.
Seguindo unha liña
que procura argumentos na historia e elixe a voz e o protagonismo feminino lémbrese O
armiño dorme (2003), recupérase nesta ocasión a figura desa
raíña incomprendida e con sona de tola. Recorrendo a dous planos temporais
permanentemente entrelazados, técese unha trama que recupera a verdadera
historia de Berenguela, esa que non aparece (coma tantas outras) nos libros.
Tras a
necesaria contextualización histórica dos personaxes, o texto preséntase
dividido nun Acto prólogo, localizado no presente e protagonizado polo Vello das
pombas, Comba e varios nenos e nenas que cantan a canción da raíña que a
perpetuará por sempre, que dá pé aos tres actos que seguen, unha historia
entre a fantasía e o soño que recupera diferentes aspectos relacionados con
Berenguela, evocados por ese vello pobre, tolo e feliz, cuxa memoria é o fío condutor
da historia. A destinataria é Comba, unha nena de nove anos tímida e solitaria que
atopará un importante referente para superar esa sensación de illamento que lle fan
sentir os seus compañeiros e compañeiras de xogos. O breve entreacto volve a
atención de novo cara ao presente, co obxectivo de lembrar que a historia é inxusta e
ignora o que a memoria poderosa das xentes non esquece. O libertador desenlace da
raíña no terceiro acto insiste na tenrura máis que na traxedia, procurando
unha solución que lle devolva a Berenguela a liberdade e a felicidade que se lle negou en
vida a través do seu voo no medio da noite.
Pero son moitos máis os
ingredientes desta peza: o anacronismo e o humor de Dorotea; a ironía no tratamento de
figuras tan sobranceiras como Xelmírez, un manipulador da historia que só teme a
desarcebispocompostelanización; a presenza de Frei OdranoeL, o insólito inventor de
enxeños entregado á raíña; o tratamento do rei comechón, incapaz
de entender os desacougos da súa esposa; ou a interesante relación entre o Xograr
Reinaldos e o seu cabalo Sinforoso, plagada de humor, de resonancias quixotescas e de elementos
pertencentes á tradición deses vellos xograres namorados que percorrían
camiños e enchían cos seus versos os corazóns das damas principais.
As
ilustracións de Kiko da Silva poñen o acento tanto na dimensión imaxinativa
coma no humor, enchendo as imaxes de abondosos detalles nos que paga a pena deterse. A
representación da malvada raíña Urraca constitúe un logrado aceno ao
lectorado devoto das vellas páxinas dos tebeos.
En definitiva, un texto de calidade,
suxestivo, interesante e plagado de elementos como a fantasía, o humor, a lenda e o enigma,
que pasa a engrosar a nómina de candidatos para a súa posíbel
representación.
|
|