|
Agustín Fernández Paz e os fragmentos da memoria
Existen algúns creadores de noso que levan anos silenciosamente
determinados en producir unha literatura de calidade que poida ser, asemade,
recibida con interese polo tanto polo lectorado infantoxuvenil coma polo
lectorado adulto. Publican en coleccións paratextualmente dirixidas
ós lectores máis novos, participan en premios, simposios,
asociacións e outras institucións mediadoras propiamente
infantoxuvenís, mais a súa escrita, a intratextualidade da mesma,
está deseñada para alcanzar un público moito máis
amplo, que tanto pode acoller a rapaces como a maiores, pois en todo tempo e
lugar sempre aconteceu así cos grandes mestres: Stevenson, Melville,
Carroll, Swift, Defoe, Golding e tantos e tantos outros autores.
De entre os creadores galegos que se ubican nesa precisa encrucillada
probablemente unha das máis senlleiras voces sexa a de Agustín
Fernández Paz, escritor de longo alento, autor dunha manchea de obras
abondo galardoadas, traducidas e recoñecidas por lectores e
críticos tanto de dentro coma de fóra do país. Nesa estela
sitúase tamén a súa última novela, Noite de voraces
sombras (Vigo, Xerais, 2002), aparecida precisamente na colección
Fóra de Xogo, inicialmente dirixida a adolescentes, se ben a obra
ofrece, tamén, moi outras lecturas. Noite de voraces sombras arrinca
titularmente cun verso do incomparable José Ángel Valente para
mergullarse nunha cativante historia de reencontros e procuras, de
rememoracións e descubertas, de silencios e incomprensións. Unha
historia na que unha rapaza dos nosos días redescobre a verdadeira vida
dun seu tío republicano que sufrira represión e presidio nos
tempos do Dictador; unha historia que o é tamén de amor, ben que
dun amor imposible, un amor truncado que foi e non puido ser, tan amargo pouso
no corazón. E todo dosificado coa habelencia narrativa de
Fernández Paz, un dos nosos creadores con maior oficio, virtuoso
dominador das técnicas do suspense e a dosificación da intriga,
do relatar soltando corda a poucos, ata que o nó da sorpresa acabe por
nos atrapar no momento mesmo que comezabamos a caer no abismo.
Noite de voraces sombras é tamén, de por parte, a
novelización dun relato anterior do propio autor, A memoria dos
soños rotos (AA. VV., Ningúen está só, Lugo, Tris
Tram, 2001), que aquí foi adensado con tramas secundarias,
diálogos e personaxes que non figuraban, como é lóxico, na
versión contística, primeira redacción literaria desta
historia.
Cal recoñecerlle a Agustín Fernández Paz a súa
estimable destreza para facernos vibrar con historias de sempre contadas coma
nunca. Velaí o segredo deste Noite de voraces sombras, viño novo
en odres vellos. A voz do clásico, nada menos.
ARMANDO REQUEIXO - SANTIAGO 19.01.03
|