lg3 > Críticas > Fantasía ameazada do libro O lume dos soños
FICHA DO LIBRO
Título do libro.
O LUME DOS SOÑOS
Ano de Publicación. 2004
Autor.
Cibrán Ulloa
Ilustración. Xosé Tomás Díaz Teijo
Xénero. Infantil-Xuvenil
Editorial. Baía Edicións
Coleccion.
Número de pax. 214
ISBN. 84-96128-75-X
WEB.
CRÍTICA
Fantasía ameazada
Novela gañadora do 1º Premio Meiga Moira de Literatura Infantil e Xuvenil 2004, nesta obra, dirixida a nenos e nenas a partir dos 8 anos, o autor introdúcenos de cheo no mundo da fantasía, cun relato no que a aventura e a fantasía desbordante agochan preocupacións de maior peso.

Isabel Soto. Santiago
A colección “Meiga Moira” inaugúrase con “O lume dos soños”, obra gañadora da primeira edición do premio do mesmo nome convocado en 2004 por Baía Edicións. Cibrán Ulloa, nome literario de Xosé García Rodríguez (Barcelona, 1970), comeza con esta novela de aventuras que invita á reflexión a súa carreira na LIX. Non parece casual a presenza de Cunqueiro nunha das dedicatorias, pois moito hai no argumento da poética cunqueirana sobre o soño e a súa pertenza á verdadeira realidade do ser humano.

A clásica estrutura arredor da superación dunha proba por parte da protagonista enriquécese no relato co cuestionamento da tríade realidade/ficción/soño en diferentes momentos da trama. Confórmase así unha viaxe iniciática na que como é habitual se procura a autoconfianza, o afianzamento da personalidade propia e a descuberta do amor. Así mesmo, é palpábel o contraste entre realidade rural (ameazada e “pura”) e urbana (de inexorábel implantación e “pervertida”), favorecendo implicitamente os valores da primeira fronte á soidade, o abandono da infancia, a renuncia aos soños e á fantasía que supón a cidade.

Historia entre o soño e a realidade
Catuxa sae da súa aldea coa difícil misión de atopar nun mundo descoñecido o remedio eficaz para acabar co lume inextinguíbel da Fraga de Umbría e salvar o país de Comendelo, sen máis axuda cá que lle dite o seu propio corazón e o don máxico da invisibilidade perante quen perdese a capacidade de soñar. Para cumprir a súa tarefa recibirá a axuda de Micaela, figura feminina na que reside a sabedoría inaccesíbel ao resto dos mortais, aínda que axiña se suman á aventura o avó Cucufate; o padriño Indalecio, intrépido comandante do galeón aerostático Escornabois; o moucho Caetano e mesmo o camaleón Leonardo, todos eles cun peso decisivo na acción. É na outra banda do espello (recurso reiteradamente utilizado na LIX dende o fantástico paseo de Alicia para cruzar a fronteira entre fantasía e realidade) onde Catuxa descobre a Catarina. Ambas –de nome idéntico, elemento que tampouco non é accesorio-, asómbranse diante da materialización dos seus soños tantas veces repetidos, sen saber quen é a real e quen a soñada e choutan por riba das diferenzas dos mundos aos que pertencen para acadar a liberdade. Axiña descubrirán que existen máis nenos e nenas nas mesmas condicións, habitantes secuestrados dun Paraíso Infantil, transformados en seres que pasan o tempo diante de modernos ordenadores e xogos electrónicos, sometidos á absurda programación televisiva que os abouxa dende enormes pantallas murais e, o que é máis terríbel, sen vida familiar, xa que a súa “educación da máxima calidade” esixe o afastamento dos pais, mergullados no traballo.

Perante esta desolación, só Catuxa e os seus amigos serán quen de se enfrontar ao reto de viaxar até o Polo Norte e desartellar coa súa rebeldía contaxiosa os planos do Señor Tenebroso (nunha clara similitude mesmo na súa descrición con Voldemort). O final insiste nesa dicotomía soño/realidade, restablecendo aparentemente unha amábel situación, curiosamente só no ámbito urbano, e presentando acenos que proban a realidade dos feitos.

En suma, un relato no que, malia a un exceso de complicación argumental para o lectorado ao que vai dirixido, a aventura e a fantasía desbordante agochan preocupacións de maior peso que non poden máis que propiciar a reflexión: “Ese lume que está a arrasar Comentelo estanos a dicir que estamos nun perigo real de desaparecer, que algo ou alguén está impedíndolle soñar ao noso soñador”.
LG3- culturagalega.org
lg3 Información
Novas
Reportaxes
Documentos
Certames
Eventos
Recensións
Catálogo
Todos os libros
Ultimo mes
Autores
Editoriais
Extras
Lecturas
Ligazóns
Tertulias
Acerca de Lg3
Que é LG3
Créditos
Correo
 
culturagalega.org Información
Arquivo
Eventos
Especiais
Temas do dia
Zona Cultura
Fin de Semana
Axenda
Certames
Biblioteca
Zona Rss
Soportais
LG3 - Literatura
RCG - Audio
AVG - Cine
BD - Banda Deseñada
Interactividade
Propostas de temas
Boletins
Enviar actos
Enviar certames

Correo da redacción
Mapa do Sitio
Axuda
Nós
O equipo do portal
 

Consello da Cultura Galega. (www.consellodacultura.org)
Pazo de Raxoi, 2 andar. 15704 Santiago de Compostela (Galicia)
Contacto: Tfno: 981957202 / Fax : 981957205 / e-mail: mailto:redaccion@culturagalega.org