|
Ano de
Publicación. 2005
|
|
Autor. |
|
Coleccion.
|
|
Número de pax.
33 |
|
ISBN. 84-8464-552-5
|
|
|
|
 |
|
 |
|
 |
|
/6 - 3 -
2006/ As dúbidas e curiosidades sobre o proceso creativo dunha obra de arte
respóndense neste libro. O crítico de arte Xosé Manuel Lens acha o
procedemento do libro como "impecable, sinxelo e tremendamente efectivo."
Xosé Manuel Lens.
Santiago Quizais sexa pola miña formación como historiador que atopo nos
libros unha fonte de reflexión e pausa excepcional, e entendo o proceso de
publicación e edición como unha magnífica prolongación do feito
escrito, do contido. Por iso, sempre recordo un dos libros ilustrados de Picasso, con poemas de Max
Jacob, que chegou ás miñas mans unicamente levado polas súas cores e sabores;
logo atopei a mellor poesía, despois da narración pintada, deseñada:
Doré co Quijote, Miró con San Juan de la Cruz, Barceló con Dante ou mesmo toda
a tradición de libros ilustrados polas vangardas construtivistas, que serven de rexistros
sedutores da historia que fala dese apartado da literatura que se vincula e adhire ás artes
plásticas, para adoptar a súa seiva de música, de poesía ou drama
agochado. Son as imaxes as prolongacións que o escritor deixa en pausas deliberadas, en
baleiros entre os parágrafos que se vén invadidos de pigmentos e narracións de
cores e sombras; incluso son imaxes e siluetas que invaden e alteran. Será ese concepto de
hipertexto, o que na actualidade se explora nas investigacións da arte visual, o que serve
nos libros para seguir preguntando sobre as posibilidades da escrita e da literatura, sempre en
debate mutuo.
Nesa vontade de atopar a letra pintada, quizais sexa cando recollemos un libro
coas mans do neno, cando o mundo se abre de cheo, cando imos pasando as follas e cada páxina
resulta unha paisaxe, unha enorme ligazón de fantasías e posibilidades.
Defínese como un conto, un anaco de páxinas e cubertas nas que resulta inesquecible a
mensaxe, a metáfora directa e dócil co lector, co público infantil. Son ese
grupo de publicacións que se centran na imaxe, que publicitan o resultado gráfico e
impoñen unha linguaxe textual de mínimos. Obxectos que insisten na pedagoxía,
de facer do libro un elemento de diversión e coñecemento a partes iguais, porque
nestes tempos da lectura rápida, inmediata, existe un ritmo de literatura que nace
aprendendo, que se fai co lector: mentres se le tamén se constrúe. Libros que
retratan a lectura, para ler e, sobre todo, para converterse en lectores; son as mans do neno as
que pasan as follas e sobrevoan historias e relatos. Aí comeza a súa particular e
única aventura literaria.
Neste campo da investigación e produción do
formato de libros orientados a un público infantil sobresae e persiste a Editorial
Kalandraka dentro do ámbito galego como a mellor e con maior proxección das empresas
que orientan produtos editados cun tratamento coidado e único. Libros de deseño
estudado, tratamento plástico excepcional e amplos formatos. Citamos esta admiración
cara á literatura-de-comezos cando estes días atopamos o libro As luces que se
acenden e se apagan, de Ramón Trigo, que vén de sacar ao mercado a citada
editorial co seu novo selo Faktoria K De Libros. Unha publicación que resume este
posicionamento a medio camiño entre as artes plásticas e a literatura infantil,
combinando ambas experiencias dun xeito exemplar.
Microhistorias
O
relato, que o neno le mentres pasea do salón á biblioteca, do cuarto á
cociña, pero que logo volve sobre el para seguir relendo, ofrécese no formato dos
contos. Ramón Trigo, autor dos textos e das ilustracións, ensina aos máis
pequenos e aos que non o son tanto, a aventura de construír, de facer, un cadro, unha obra
de arte. Para iso desprega, mentres vivimos a historia de Lusco, un sinxelo repertorio dos
diferentes estilos temáticos que desde as artes visuais se dan cita, resumidas perfectamente
no que denominamos pintura e, máis concretamente, os pigmentos sobre lenzo e bastidor. O
procedemento, neste sentido, resulta impecable, sinxelo e tremendamente efectivo: a propia
construción/creación dun cadro que leva ao protagonista do relato, un raparigo de
roupa pintada, a atoparse, pasear e viaxar polo bodegón, o retrato e a paisaxe, até
descubrir que o importante non está na procura da temática, de rexistrar o exterior
con máis ou menos detallismo, senón que está no proceso de busca, de
investigación, de coñecer e descubrir a capacidade dun mesmo, do que el concreta como
os seus soños. Unha magnífica filosofía para ensinar aos máis novos,
pero que tamén, como as grandes leccións, teñen unha aplicación
interxeracional. A busca da sinxeleza e, sobre todo, da mensaxe que existe na abstracción,
nos grandes conceptos, antes que nas anécdotas, converte toda esa serie de temáticas
nun cadro branco, que ben podería ser un cadro de calquera autor abstracto ou unha gran
pantalla pendente de comezar a película.
Do mesmo xeito que noutros libros da
editorial como O cadro máis bonito do mundo, Claudia e o touro ou
A árbore das follas Din A-4 a pegada plástica é un dos elementos
fundamentais, nos que, como o actual, se consegue que o debuxo traduza por momentos á letra,
podendo seguir a lectura ou provocar a ollada paralela na realidade de cores, formas e
sensacións que as ilustracións nos transmiten. Cando o pequeno Lusco buscaba o tema
que reflectir no lenzo, xa estaba creando un mundo onírico, onde o soño se transmite
a través de follas alagadas de pintura, de cores case a modo de lenzos feitos papel. Pintura
de comezo a fin, unhas lámpadas/ideas no comezo e no final do libro remarcan a
conclusión e fío condutor do relato: os soños, as ideas, son as maiores
riquezas das que un dispón. |
|