|
Ano de
Publicación. 2007
|
|
Autor. |
|
Coleccion.
|
|
Número de pax.
128 |
|
ISBN.
978-84-9782-521-4 |
|
|
|
 |
|
 |
|
 |
|
/6 - 3 -
2006/ As cuestións de actualidade non son alleas aos relatos dirixidos aos
máis novos. Proba disto é a última entrega de Fina Casalderrey, unha figura
indiscutible na nosa LIX que adoita literaturizar temas extraídos do ámbito do
cotián. En A lagoa das nenas mudas, un suxestivo título que concentra o
espazo simbólico e o trazo definitorio das protagonistas, volve mostrar a súa
habelencia para ver o mundo cos ollos dos nenos e das nenas e explicalo coa súa propia
voz.
Isabel Soto. Santiago
Cos
fíos da realidade, Fina Casalderrey tece unha vez máis unha historia adobiada de
matices líricos na que desprega moitos elementos recorrentes na súa obra. Malia
estarmos perante unha narración sobre a inmigración e todas as dificultades que a
acompañan, o tratamento desdramatizador, a sutileza e a utilización de episodios
humorísticos diminúen a dureza dos feitos e evitan un enfoque excesivamente serio e
tenso, mais aínda así o relato sitúa en primeiro plano un conxunto de
prexuízos ben arraigados.
O discurso escíndese ao dar entrada a dúas
voces narrativas presentes ao longo dos catorce capítulos e que ao tempo que se complementan
adquiren unha marcada función de contraste. Altérnanse así a narración
descritiva e esquemática da terceira persoa, apoiada por diálogos ben artellados, e o
discurso epistolar da protagonista, unha nena nixeriana chamada Amina Nwapa que deixa África
con súa nai e se instala en Galicia. Ambas as perspectivas achéganse aos problemas
dos inmigrantes (dificultades de adaptación, falta de papeis, proceso de
regularización, descuberta dunha nova realidade, integración escolar,
incomunicación por cuestións lingüísticas
), boa parte suxeridos
recorrendo a breves referencias que van moito máis alá do que din.
Están asemade presentes todos os prexuízos da comunidade que vive a chegada
da nena, neste caso representada por unha pequena escola. Amina, evidentemente, non comprende nada
e só a través da súa ollada descubrimos como interpreta o que ocorre: o que
ela asimila como sorrisos e xogos son en realidade episodios cheos de crueza e rexeitamento. A
percepción de Amina e o seu rico mundo interior queda excelentemente plasmado nas sete
cartas que lle dirixe ao seu amigo Edu, que quedou no seu lugar de orixe. Son textos cargados de
lirismo que transmiten as impresións da rapaza ante os detalles da súa nova realidade
e acaparan toda a nostalxia do que quedou atrás.
Entre os personaxes que
compoñen o fondo da historia, resulta indispensable reparar en Ío, unha rapaza que
renuncia á expresión convencional e elixe como canle de comunicación os
debuxos que realiza dende o seu silencio traumático. Unidas por esa mudez con distinta
orixe, ambas as nenas logran establecer un entendemento especial. Ben merecería Ío
unha historia de seu, que contase as súas dolorosas vivencias, no relato só
reflectidas con breves pinceladas que agochan o terror sufrido polos malos tratos de mans dese pai
convertido en ogro nos debuxos. Percíbese tamén a homenaxe ao mundo da escola e ao
profesorado que desenvolve o seu traballo con verdadeira vocación e tenrura, especialmente
nas figuras de don Ignacio e de Sara, que traslada á aula o poder da lectura para viaxar e
coñecer outras realidades.
A lagoa das nenas mudas reúne, pois, as
características dos relatos que proporcionan pracer literario e ao mesmo tempo levan
á reflexión. Como afirma a autora nas páxinas finais do volume, o seu
delicioso recendo non pode ocultar as espiñas e incluso a historia provoca
algún riso que se parte a medio camiño. A diversificación da acción, os
continuos saltos espaciais e temporais, os cambios no punto de vista, o deseño dos
personaxes, os estímulos de anticipación e, tamén, as excelentes
ilustracións de Patricia Castelao, converten o libro nun interesante agasallo para os
lectores e as lectoras. |
|