infantil
"Había unha vez un país"
Paco López-Barxas e Kiko da Silva propoñen unha nova
visión da cidade no libro "Sar, Sarela, e os monstros de Compostela", de Kalandraka
M. DOPICO . SANTIAGO
 |
Paco López-Barxas, fotografado mentres
sinala as gárgolas dun dos edificios da cidade vella de Santiago
|
"Había unha vez un país chamado Galicia,/ que
tiña unha pequena cidade como de xoguete./ Esta cidade chamábase Compostela"...
Así, con todo un convite para seguir lendo, comeza
Sar, Sarela e os monstros de
Compostela, o novo álbum infantil que acaba de editar Kalandraka. O escritor Paco
López-Barxas e o debuxante Kiko da Silva son os autores deste libro, que forma parte da
Biblioteca Infantil do Consorcio de Santiago.
Dous gatos irmáns, Sar e Sarela, son os protagonistas deste relato,
que conduce o lector cara a varios edificios emblemáticos do núcleo histórico
de Compostela, convidándoo a descubrir os gardiáns dos tellados: as gárgolas.
"Encargáronme un conto no que a cidade de Santiago fose a
protagonista... Creei dous personaxes que puidesen dar a coñecer aspectos da cidade pouco
visibles, nos que non reparamos a miúdo, como as gárgolas. Pensei, por iso, nos
gatos, porque son animais que andan polos tellados...", explicou López-Barxas.
"A figura da gárgola ten interese para os nenos, porque as
gárgolas son monstros. Pero tamén son xoias da arquitectura, que representan o
máis claro exemplo de liberdade creativa dos canteiros anónimos da cidade.
Ninguén lle dicía ao canteiro como tiña que facer a gárgola.
Alén diso, a pesar de ser monstros, as gárgolas son boas, porque defenden os
edificios monumentais da humidade", engadiu.
Así, o conto propón unha visión alternativa sobre a
monstruosidade. Do mesmo xeito que sobre a choiva. Sar e Sarela aproveitan un día chuvioso
para divertirse paseando pola cidade. "Compostela é presentada no conto como unha pequena
Venecia. Sarela ten un soño, que tamén é realidade...", subliñou
López-Barxas.
"O libro está moi ben ilustrado por Kiko, que o soubo interpretar.
Non sería o mesmo sen os seus debuxos...", reiterou o autor, que hai un par de anos debutou
na literatura infantil con O ladrón de paxaros, de Baía Edicións.
"Motivoume escribir para nenos porque é moi distinto a facelo para adultos, en canto
á procura de modos de adestrar a imaxinación e a creatividade dos nenos...
Quería contar os contos que non lles contei no seu momento aos meus fillos por non atopar o
sosego que agora teño", dixo.