Vieiros Cartafol de libros

Edición xestionada por Héitor Mera
 FORO

A sección onde deixares as túas opinións, comentarios ou suxestións e debater con outros internautas.
 AS WEBS DE AQUÍ

Consulta no directorio de Vieiros as páxinas sobre literatura, editoriais e librarías

 

No cerne da memoria
[28/04/2008] porRafael Fernández Lourenzo

eu vivía na fin do mundo
Eu vivía na fin do mundo
Ramón Trigo
Ed. Edelvives, Vigo, 2008. 26 páxs.

Coñecín a Ramón Trigo ao final da adolescencia, cando aínda eramos imberbes aprendices da realidade sexual e o pudor afloraba polos poros da nosa pel. Adestramos durante moitos anos baixo as ordes do profesor Orencio Conde nun ximnasio de Vigo, pero só algúns acadamos o sono que con tanto empeño perseguimos. Facíamos un deporte marxinal que curiosamene hoxe está tan de moda dentro da espiritualidade e o misticismo imperante: o Kárate, unha arte fundamentalmente de defensa. Xuntos acadamos o título de cintos negros 1º grao. Xuntos nos pegamos nun baixo da rúa Churruca da Cidade Olívica. Xuntos iniciamos a aventura creativa porque había algo que afloraba dentro. Así que el como ilustrador, e eu como autor publicamos no ano 1987 "O mar do cerne". Posteriormente participamos no centro cultural de Cangas nunha exposición colectiva. Os nosos lazos de amizade nunca se chegaron a romper e sempre os mantivemos a pesar de que as ausencias espaciaron o tempo ata rozar o esquecemento. El acadou o seu soño e consolidouse nun mundo farto difícil facendo o que quería, adicarse a creación. Ilustrou dezanove libros e publicou catro, ou sexa un total de vintetrés. Obtivo once premios e realizou vintecinco exposicións individuais e dezanove colectivas.
Comento todo isto porque a obra de Trigo ten unha profunda semellanza á de Arthur Cravan, sobriño de Oscar Wilde. Eterno viaxeiro; bohemio, boxeador, poeta e navegante. Dúas actividades tan dispares como complementarias: o boxeo e a creatividade penetran pola xanela, cunha rítmica e melodiosa luz que os transporta, e posúen unha forza harmónica, que anega as bodegas dos barcos, surcando os mares e os océanos, rumbo a illas misteriosas.

Ramón disfruta pintando e goza co seu traballo que disciplinadamente desenvolve no seu taller. Un traballo excelente que o absorbe nun mundo misterioso. Un mundo habitado por trazos de colores que minuciosamente expande no lenzo puro e virxinal.
O último libro de Ramón Trigo fíxome reflexionar, bueno máis que reflexionar, retomar o tema da escrita que tiña esquecido nun lugar onde sempre zoa o vento: na memoria. Este libro Eu vivía na fin do mundo resultou gañador do II Concurso Internacional de Álbum Infantil Ilustrado "Biblioteca Insular. Cabildo de Gran Canaria", foi publicado en castelán e en galego pola editora Luis Vives dentro da colección Tambre. Fíxome pensar si realmente había algo mais alá da fin do mundo, un paraíso descoñecido do outro lado do mar. Ese mar do cerne, profundo, inmemorial.
Inda que a tradución ao galego feita por Nacho Chao non acada ese nivel óptimo e desexable e posúe algunhas eivas, non podemos negar a integridade e o rigor da obra, dende un punto de vista redondo e circular na súa orixe.
R. Trigo é un autodidacta camaleónico que experimenta un universo realmente encantador. Primeiro foi a pintura, logo a ilustración e agora a escrita. O seu traballo é íntegro e colosal. "As luces que se acenden e se apagan", van escintilar do outro lado do mar, na procura dun paraíso sen final.
No seu último libro Eu vivía na fin do mundo", Trigo está atrapado polas redes das estrelas, na impenetrable e absoluta liña recta dun ronsel de esperanza e de quimera. Alá onde rematan as viaxes, nunha "Casa vacía" e grande, onde as vellas palabras nunca morren.
Os tres últimos libros de Ramón definen as nosas vidas como un inmenso e profundo mar, escultórico e provisional, un mar sen sombra que se expande e ninguén vai a gobernar. O mar.