lg3 > Despedidas que mancan o corazón do libro Eu conto, ti cantas...
FICHA DO LIBRO
Título do libro.
EU CONTO, TI CANTAS...
Ano de Publicación. 2005
Autor.
María Victoria Moreno Márquez
Ilustración. Manuel Uhía
Xénero. Infantil-Xuvenil
Editorial. Edicións Xerais de Galicia
Coleccion.
Número de pax. 64
ISBN. 84-9782-358-3
WEB.
CRÍTICA  
Despedidas que mancan o corazón
/6 - 2 - 2006/
Último dos libros editados da autora recentemente desaparecida e á que se dedica unha homenaxe no Salón do Libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra. Trátase dunha mostra máis dese mundo propio e recoñecible que María Victoria Moreno soubo crear. Tres contos para todos os nenos e nenas de sete anos en diante que buscan o amor nos olliños doces de mel dun can de bondadosas orellas.


Isabel Soto. Santiago
Hai uns meses a LIX galega sufría a desaparición dunha das súas escritoras pioneiras e de recoñecida traxectoria, María Victoria Moreno. A súa última obra publicada foi “Eu conto, ti cantas...”, un volume ilustrado por Manuel Uhía que reúne tres contos en verso: “¿Un cachiño de bica?” e “¡Xa non teño medo!” dados a coñecer hai algúns anos -1994 e 1998 respectivamente-, máis o inédito, “Can branco, can negro”. Ás múltiples homenaxes que o seu labor está a recibir, únese a do Salón do Libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra, dedicado nesta edición aos libros nos que a natureza exerce un gran protagonismo e no marco do cal se presentará a mostra “A natureza dos sentimentos” centrada na autora.

Malia ser estremeña de nacemento, a súa fascinación desde moi nova por Galicia e pola súa lingua provocou unha entrega absoluta á defensa e promoción do galego, mesmo en tempos ben difíciles, así como á práctica da literatura para os máis novos, cos que logrou establecer unha comunicación fluída grazas a textos de calidade nos que tanto a linguaxe coma as temáticas escolleitas resultan moi próximas ao lectorado. Abonda con reparar no éxito de “Leonardo e os fontaneiros” (1986) ou “Anagnórise” (1988), cos que se achegou á adolescencia e aos seus problemas e introduciu modelos descoñecidos naquela altura na LIX galega.

Dos moitos aspectos que se poderían destacar da súa poética, salientan o lirismo e a tenrura que impregnan cada unha das súas páxinas, trazos que se plasman na utilización de traballadas metáforas e imaxes e na elección de elementos sinxelos e recoñecibles polos nenos e os adolescentes. Así mesmo, é recorrente o seu amor pola natureza en xeral e a súa reiterada defensa do trato digno que merecen os animais, en particular a súa debilidade polos cans.

“Eu conto, ti cantas…” non é unha obra allea a ningún destes trazos. Os cans son os protagonistas de “Can branco, can negro”, onde se nos presenta a dous deles, nacidos en circunstancias ben distintas. Mentres Nicolau, o can negro, ten casa e donos que o coiden, Correcamiños nace na beiravía da estrada onde a súa nai foi abandonada. Aínda así, ambos atoparanse e compartirán unha pequena aventura que fará nacer unha amizade que, entre cans, non entende de diferenzas.
En “¡Xa non teño medo!” a voz poética corresponde a un cativo que malia durmir na bufarda non sente medo da noite; pola contra, considéraa unha festa divertida e poboada de elementos máxicos e suxestivos. O texto convida o lectorado a atender ao latexar da vida: “Atende á Terra / e á vida que palpita / na natureza”. Os sons, os amigos curiosos que viven no armario, as sombras que esvaecen co fermoso luar e os personaxes que poboan a noite da súa vila velando polos demais, son retratados a través da ollada infantil, desbotando o medo a favor da maxia da vida cotiá.

O volume péchase con “¿Un cachiño de bica?”, “un conto ledo / coma os ollos dun can / e a voz dun neno”, que invita a procurar o amor que se intúe nos ollos doces dos cans. O poemario desenvolve o xogo dunhas letras barulleiras que saen da cunca do almorzo do protagonista, quen contempla abraiado a existencia dun reino de tenrura, ledicia e xogos no que viven Iván e a súa cadela Nica, unidos polos lazos da complicidade e a necesidade mutua. Saberemos así como as despedidas “mancan o corazón / cunha ferida / que mata as ganas / de bocados, de grolos / e de trasnadas”.

Inserido no conxunto da súa produción, “Eu conto, ti cantas…” é unha mostra máis dese mundo propio e recoñecible que María Victoria Moreno soubo crear nas súas páxinas, unha literatura de calidade que permanecerá para sempre entre nós.