Vieiros Cartafol de libros

Edición xestionada por Héitor Mera
 FORO

A sección onde deixares as túas opinións, comentarios ou suxestións e debater con outros internautas.
 AS WEBS DE AQUÍ

Consulta no directorio de Vieiros as páxinas sobre literatura, editoriais e librarías

 

Reedición dun clásico
[11/05/2007] por Manuel Rodríguez Alonso

cartas de inverno
Cartas de inverno
Agustín Fernández Paz
Xerais, Vigo, 2007, páxs 133

É de todos coñecido e xa resulta un tópico dicilo que a chamada literatura xuvenil galega acadou un extraordinario nivel. A mellor mostra do que estamos a dicir é esta novela curta que alcanza agora a sua vixésima edición, doce anos despois de que se editase por primeira vez. Nin que dicir ten que así mesmo foi traducida a distintas linguas e xa é un clásico, non só da narrativa xuvenil, diría eu, senón da novela curta.

A novela ten unha adecuada estrutura que comeza pola combinación de distintas perspectivas dende a primeira persoa protagonista ata a terceira obxectiva. Manexa adecuadamente a intriga e atrae o seu final aberto, pois realmente non sabemos o que pasou na misteriosa casa. Por outra banda, desenvolve un tema tópico da literatura fantástica e marabillosa, como é o da casa encantada. O final aberto fai que teñamos que inscribir este relato dentro da chamada literatura fantástica, pois non sabemos, no remate, se os feitos teñen unha explicación natural ou marabillosa, sobrenatural. Cumpre así co precepto que lle pedía Todorov nos anos setenta á literatura fantástica. A estrutura epistolar de gran parte desta novela curta non envelleceu nestes anos, pois a irrupción do correo electrónico fai que a carta como medio de comunicación recobre toda a sua actualidade. Mesmo hai cartas que o personaxe Xabier vai datando en distintas horas do mesmo día co que, nunha especie de anticipación ao desenvolvemento da técnica tan frecuente na literatura, temos a sensación de que estamos ante mensaxes de correo electrónico, pois sabido é que hoxe este procedemento compite con éxito co teléfono, mesmo co móbil. Non imos estendernos xa máis na análise desta novela, que non hai que incluír sen máis na sección da novela xuvenil, senón que é unha novela curta moi boa, coa que poden gozar igual nenos, mozos e adultos. Por outra banda, é de agradecer o epílogo en que o autor fala do proceso creador da novela, da súa recepción, agradece o labor de axentes literarios como son editor, críticos ou mesmo tradutores a outras linguas. Isto é sinal de madurez nos nosos creadores que saben que a literatura non é só algo que pertenza ao autor, senón que tamén teñen un papel de primeira orde editores, ilustradores, tradutores, críticos e lectores.
O autor é profesor de lingua e pensa nun receptor xuvenil do libro ou mesmo alumno de lingua que le este libro. Isto é innegable. Mais isto non fai que caia no moralismo fácil ou na mensaxe tópica. Presta especial atención á lingua e destaca o coidado que pon na presentación dun galego rico nesta vixésima edición. Emprega construcións que habitualmente non usan os nosos alumnos, especialmente os urbanos (colocación do pronome átono diante do infinitivo precedido por preposición ou emprego do infinitivo conxugado), usa nexos que habitualmente o alumnado non usa na fala coloquial espontánea (encol, malia, onda, xunta…) ou utiliza perífrases que van deixando de ser habituais por mor do castelanismo abafante (o infinitivo xerundial con a ou haber + infinitivo co valor de obriga). Non menos interesante e enxebre é a fraseoloxía, outro eido do idioma que hai que coidar (mollarse coma un pito, nin deron máis fala,dalo a alma, un aquel de…) Así mesmo usa palabras gramaticais hoxe case inexistentes non só nos mozos urbanitas senón tamén en moitos dos nosos escritores como estoutro, cadanseu, velaquí, se cadra…). Cremos tamén que hai un uso moi meditado de coma/ca nas estruturas comparativas, con clara preferencia por coma/ca fronte aos casos en que está permitido tamén que, nunha liña xenuinamente galega.
En canto ao léxico cómpre sinalar a vontade por parte do autor de empregar termos que hoxe sucumben en galego ante o sinónimo común co castelán e agradécese o emprego de xantar, lembrar, derradeira, brincadeira, galano, fita, pantasma…
Ademais a novela serve de suxestión para dar o salto á literatura clásica ou investigar na cultura polas súas referencias aos celtas, aos petroglifos, ao Camiño de Santiago, a Cunqueiro, á colección de novela curta Lar, mesmo aos ilustradores de libros como Xohán Ledo e tantas e tanta suxestións máis que poderiamos engadir. Xa que logo, esta novela curta constitúe unha boa lectura para novos e adultos, por máis que se publique dentro dunha colección de literatura xuvenil. En futuras edicións, non obstante a riqueza e corrección da súa lingua, conviría que corrixise algunhas grallas como para colmo, remite (por remitente), trepar no canto de gabear, como a ti ou tachóns por riscos.