"Como escritor teño que saber o que pasa no mundo. A Rede é hoxe a miña atalaia"

Agustín Fernández Paz estudou para perito industrial mecánico, foi mestre e é na actualidade profesor de Lingua e literatura galega na secundaria. Tamén autor dunha delongada obra narrativa, na súa meirande parte traducida ás linguas da Península, labor que se centra na narrativa infantil e xuvenil. É asemade un dos creadores máis lidos: a súa novela Cartas de inverno (1995) vai polas vinte edicións.

Agustín Fernández Paz fálanos sobre a súa relación coa tecnoloxía, sobre cal era a importancia da rede na súa vida, no seu traballo, na súa escrita, e comeza por contarnos da chegada do ordenador, e do adianto fundamental que supuxo "alá polo ano 88, cun disco duro de ben poucos megas, moi caro" en relación coa máquina de escribir. De todo o abano de novas tecnoloxías, a que máis emprega o autor de Amor dos quince anos, Marilyn é o correo electrónico: envía os seus textos, traballa cos tradutores da súa obra empregando este medio. Tamén nos conta que navega abondo, que é vicioso dos blogs, que é un cidadán que se apunta ás vantaxes que a rede lle ofrece.

A conta de correo de quen se atopa entre os responsábeis dunha das coleccións de referencia dentro da narrativa infantil e xuvenil, Merlín, en Edicións Xerais, está aniñada en vieiros.com, portal do que foi colaborador inicial, enderezo que continúa empregando "por fidelidade" e constitúe o seu porto de comunicación dixital máis cotián. Aínda que tamén nos di que le prensa diaria na rede, "Vieiros é, desde o comezo, a miña páxina de entrada de referencia", ou que emprega o Skype.

Fernández Paz procura tamén na rede documentación para as súas novelas, malia que se sinta da cultura do libro: nas súas obras inflúen tamén o papel, libros e revistas. Emprega a rede fundamentalmente como ferramenta de traballo, "entendendo por traballo a necesidade que ten unha persoa que escribe de estar ao tanto do que ocorre no mundo". Como espazo de lecer, pensa que hai xente que lle tira moito máis partido. Dinos que "como creador, traballo con dereitos de autor, e daquela non baixo música nin libros, agás que conten con distribución libre". Gústalle moito o cine, e opta por mercar os filmes en dvd.

Este profesor sempre ligado a movementos de renovación pedagóxica, cunha abondosa produción teórica sobre temas como a normalización lingüística no ensino, a didáctica da lingua, a promoción da lectura, ou a introdución dos medios de comunicación nas aulas, considera imprescindíbel o emprego da rede como vehículo para darlle visibilidade e prestixio á lingua. Pero dinos que "a realidade é disuasoria cara ao contrario". Parte dos centros de ensino teñen aínda deficiencias na informatización: "deberamos contar cun portátil na aula, conectado a unha pantalla, e podelos empregar sen termos que reservar unha aula de informática".

Fernández Paz recorre, no seu labor pedagóxico diario, a pasarlle ao alumnado enderezos de webs, "se teño clases pequenas, trato de chegar a eles axiña, envíolles correos electrónicos con ligazóns". Considera que para a presenza do galego, e en xeral para o ensino, isto é vital, e "sería suicida non aproveitalo".

Nunha valoración global do camiño andado, pensa que se deron "pasos importantes, pero hai moito camiño que está sen completar". Fálanos de recuperar unha idea que vén da xeración Nós, aquilo de que nós tamén somos o centro do mundo: "miro o globo terráqueo e penso que a miña filla está no centro do mundo, que Vigo é o centro do mundo".

Malia ser un autor con abondosa presenza no noso espazo virtual, Fernández Paz non conta con sitio web propio, pero adiántanos que agarda presentalo para o mes de setembro, porque lle parece de interese que as persoas dedicadas a escribir teñan o seu lugar na rede para o acceso desde calquera lugar, como escaparate do que crean. E fálanos dos receptores: "as primeiras persoas para as que eu escribo son galegas, pero tamén están as traducións, para intentar chegar ao resto do mundo".

Cita un número recente da revista Tempos Novos para aludir ao traballo que está por vir, para o que "é preciso moito labor de apoio por parte da administración". O noso máis recoñecido autor de literatura infantil e xuvenil bota en falta que no campo da escritura non haxa un respaldo máis enérxico, "como si teñen o audiovisual ou a moda, porque temos un potencial, tamén económico, que debe ser apoiado de cara á súa difusión a nivel mundial".

Por último volve ao seu labor didáctico e dinos que considera indispensábel que o ensino teña presentes as potencialidades da rede, "tendo en conta que isto non pode ser substitutivo do acto de ensinar, un terreo en que se ven, dalgunha maneira, as posturas dos apocalípticos e integrados de que falaba Umberto Eco". Considera que quedan pasos por dar, pero que igual de malo sería se, coa chegada da rede, se esquecese parte do labor pedagóxico.

Sen avogar "polo profesor como transmisor de coñecemento, porque a súa función, coma noutros períodos da historia, tamén se debe ver modificada", pero si como transmisor duns modos de aprendizaxe. E remata co exemplo do buscador que concentra o maior número de procuras virtuais, Google, considerando que "ante iso, o alumnado pode estar inerme" e que "non nos serve como ferramenta se non contamos con alguén que nos oriente, que nos axude a organizar a información".

Temos daquela a visión que sobre a irrupción das novas tecnoloxías nos ofrece un profesor e pedagogo, un recoñecido creador de literatura para nenos e mozos. Internauta atípico (se temos en conta o que nos din as estatísticas sobre o emprego da rede segundo os diferentes tramos de idade) e afouto que, con certeza, ao mesmo tempo que le blogs ou emprega o programa de telefonía en internet Skype, se achega á maneira de entenderen o mundo os seus receptores, as xeracións máis novas.

Agustín Fernández Paz

Mestre de Ensino Primario e Licenciado en Ciencias da Educación. Autor dunha longa obra narrativa en lingua galega, na súa maior parte traducida a todas as linguas ibéricas, o seu labor creativo céntrase no eido da narrativa infantil e xuvenil. Membro da Sección de Lingua do Consello da Cultura Galega.

Webs relacionadas


Webs recomendadas


Outras reportaxes