ENTREVISTA

Fernández Paz: ''O amor é triste porque ten data de caducidade''


Santiago Jaureguizar (Lugo).

Agustín Fernández Paz (Vilalba, 1947) fala de amor e de lectura, e de amor á lectura en O único que queda é o amor, que vén de editarlle Xerais.
—Quería falar con vostede sobre o seu novo libro.
—Pois terá que preguntar... sempre é máis fácil.
—Non me dirá que non é quen de presentarmo...
—A ver... O libro ten un fío do amor e desamor. Falo nel das facetas todas do amor, pero predomina o desamor. E predomina porque o desamor é algo que acontece sempre. O desamor chega cando nos quedamos baleiros de amor por culpa do azar, dunha decisión ou da morte. De todos os xeitos, ese non era o motor do libro; o motor era a lectura e a importancia dos libros en nós.
—O único que queda é o amor está cheo de referencias literarias e cinematográficas. De feito, tirou o título de Neve de Orhan Pamuk. Tras o seu libro hai un lector.
—Hai. Falo das miñas teimas e paixóns literarias a través dos personaxes. Nos últimos libros sempre meto un personaxe moi lector. Este volume ía chamarse Sucos de bágoas, en referencia a unha frase da película 2046 de Wong Kar Wai, pero se me cruzou esa cita de Pamuk cando xa tiña escritos os relatos todos menos un e cambieino.
—¿E en que momento se lle apareceu o tema do amor?
—Eu non fun consciente do tema ata que tiña escritos seis contos. Agroumou cando escribín Un radiante silencio, entendín que arredor dese pao podía facer un palleiro entre contos que xa tiña e outros que fun escribindo posteriormente xa con consciencia de que van formar parte dese proxecto. Eu penso que os libros de relatos han ter un fío.
—Moitas das citas son de poesía, nomeadamente de José Ángel Valente.
—Son moi lector de poesía. Escribín algo de poesía hai moitos anos, pero non tiña a altura necesaria para ser publicada. A Valente descubríno contra fins dos anos 60. No 72 publicou Punto cero, unha obra que me marcou e me converteu en seguidor seu para o resto da vida. Hai poemas seus que me sei de memoria. Os poetas din que ti non es quen de dicir, falan dos sentimentos máis complexos en poucas frases.
—Un personaxe seu deste volume asegura que "todas as historias de amor son tristes". Os contos semellan xirar sobre esta teoría.
—O amor é triste porque sempre ten data de caducidade. Vou dicir algo moi obvio: o amor, e a súa variante da amizade, son esenciais para a vida. Hai amores rotos, amores que non chegan a producirse, como o de Un radiante silencio... O amor é un tema inesgotable, poderíamos escribir toda a vida escribindo sobre o amor.
—Eu véxolle un aire relixioso ao xeito que trata o amor neste seu libro.
—¿Relixioso? Eu non vexo nada relixioso. ¿Como é iso?
—Refírome á que o amor enche aos personaxes cunha faciana mística. Tamén presenta o amor superando a morte, como en Esa extraña lucidez ou en Unha historia de fantasmas.

—A prolongación da vida tras a morte física non é unha idea relixiosa, é un artificio. Esa é unha crenza galega, de que os mortos permanecen un tempo entre os vivos. As almas dos espíritos quedan entre nós, na Galicia na que eu medrei era unha idea estendida. Polo demais, Esa estraña lucidez, é unha historia de pantasmas contada pola pantasma dun can.
—Atopei moito (Paul) Auster neste libro.
—Eu cítoo, si, para dicir que o azar goberna o mundo, pero Auster beneficiouse desa idea que xa era ben coñecida. É un azar que unha persoa se cruce con outra pola rúa e que namoren. ¿Pero esta entrevista está quedando moi seria, non? Estamos falando de moitas abstraccións.
—O amor é un asunto moi serio e mesmo abstracto.
—Doume de conta de que o título que lle puxen a este libro centralízao moito nos sentimentos amorosos. Aparecen en todos os contos, pero hai outros fíos, eu quería falar sobre literatura, sobre contar historias de libros e sobre ese dilema que hai entre a vida e a literatura.
—Incluír citas nos seus textos é propio de principiantes necesitados de apoios, pero sorpréndeme que o faga un autor consagrado coma vostede. A reacción adoita ser a contraria: a de agochar as fontes de inspiración e os mecanismos de escrita.
—Eu non teño eses problemas. Inclúo citas para homenaxear a escritores que me gustan. Se meto citas, por exemplo, de Valente, é porque non é un demérito recoñecer que me gusta Valente. Non teño problema en descubrir cartas da baralla.
—¿Teme que se perciba este libro como o seu paso á literatura para adultos?
—Os lindeiros entre a literatura xuvenil e adulta son arbitrarios. A editorial Galaxia decidiu publicar Baixo as rodas, de Hermann Hesse, nunha colección para rapaces, mentres que en castelán saíu nunha colección para adultos.
—Entendo que sendo un dos autores que máis libros vende en España, amolaralle que haberá lectores que o coñezan porque edita un libro nunha colección para adultos.
—¿E que quere que lle faga eu? Existe unha minusvaloración dos que publicamos libros para rapaces. Confío en que haxa adultos que me coñezan por esta obra e lean outras miñas.

30/11/2007

Agustín Fernández Paz
Agustín Fernández Paz