|
|
 |
| :: |
«Os
anuncios que aparecen nos xornais son unha fonte inesgotable de
historias» Agustín Fernández Paz,
escritor Cada día, os xornais traen un
feixe de historias de todo o mundo. Os titulares recollen
acontecementos, épicos, tristes, felices ou dramáticos. Pero os
periódicos tamén teñen a súa letra miúda. E nela detívose Agustín
Fernández Paz para escribir os relatos recollidos en «Contos por
palabras». Anuncios que en principio parecen só buscar un emprego
poden tirar do fío da imaxinación e abrir a porta para que o
fantástico entre na vida cotiá. «Contos por palabras» foi o primeiro
libro galego en acadar o Premio Lazarillo é un volume que convida a
disfrutar a lectores non só novos, senón de tódalas idades.
|
| |
   |
| |
Cando apareceu
por primeira vez nas librerías Contos por palabras , houbo
críticas que louvaron a imaxinación do autor Agustín Fernández Paz
(nacido en Vilalba en 1947). Tanto, que algúns ata chegaron a pensar
que os anuncios que encabezan cada un dos contos recollidos neste
libro tamén foran inventados polo autor. O escritor empeza a
entrevista cunha aclaración: «Quero dicir que son reales, algúns
deles de La Voz».
-¿E como foi o de inventar os contos a
partir dun anuncio nun xornal?
-Ocorréuseme un día que
aí había historias para contar. Aínda que os anuncios cambiaron
moito: hoxe parece que habería que escribir un título para La
sonrisa vertical . Vin que nas catro ou cinco liñas dun anuncio
estaba contida unha historia, así que decidín escribilas. Fixen
quince ou dezaséis e logo elixín as que me pareceron as mellores. Os
xornais son unha fonte inesgotable de historias.
-Dixo
que era onde se atopaba a xente corrente nun xornal...
-Para min foi un abraio moi grande ver o que daban de si as
historias dos anuncios. Eu lle dicía á xente que era imposible, que
os xornais falaban de xente importante, pero aí estaban as
historias, en cinco ou seis palabras nos anuncios.
-E de
algo tan cotiá como os anuncios por palabras saen historias
fantásticas.
-Eu fágoo adrede, gústame esa mestura dos
elementos fantásticos con outros da vida real. Isto permíteme meter
personaxes que son arquetipos: polos contos aparecen Spíderman, un
vampiro, un lobishome... Creo que é unha forma de ter ó lector xa
medio gañado desde o principio do texto, porque son personaxes de
eficacia probada.
-¿Enténdese así que na vida cotiá tamén
hai momentos de aventura?
-Debaixo das páxinas deste
libro latexa un xeito de entender a vida coma unha sorpresa
continua. Participo desa visión do mundo chamémoslle cunqueirán, de
mestura da realidade e a fantasía.
XESÚS FRAGA (A
CORUÑA) |
| |
   |
|
 |
` |