|
A cociña de... é unha nova
sección de Eidos do libro na que intentaremos dar a
coñecer dalgún xeito os costumes e manías dos autores,
editores, ilustradores... Se escriben ou debuxan en zapatillas, como se lles
ocorren as ideas, en que se inspiran, se usan lixivia para corrixir os
orixinais ou nunca corrixen, cantos libros teñen que ler antes de
decidirse a editar un... En definitiva, todo aquilo que se podería
comentar tranquilamente nunha charla na cociña tomando un café ou
unhas lascas de xamón e queixo con viño do país. E
inauguramos a sección nada menos que da man de Agustín
Fernández Paz, escritor, profesor de Lingua Galega en secundaria e
un dos actuais directores da Colección Merlín de literatura
infantil e xuvenil da editorial Xerais. O escritor vilalbés é
coñecido sobre todo pola súa faceta literaria, aínda que
ten unha obra importante espallada por xornais e revistas de pedagoxía e
educación. Membro fundador dos colectivos Avantar e Nova Escola Galega,
a maior parte dos seus traballos xiran arredor de temas como a
normalización lingüística no ensino, a didáctica da
lingua ou a introducción dos medios de comunicación nas
aulas. Recibiu numerosos galardóns pola súa obra, tanto de
ficción como de ensaio, entre eles o Merlín (1989), o Lazarillo
(1990) e Lista de Honra do IBBY para o bienio 19990-2, o Premio Ourense de
Banda Deseñada (1992), o Rañolas (1995), e o máis recente,
o Premio Raíña Lupa 1998, convocado pola Deputación da
Coruña. Autor de infinidade de títulos, algúns deles
traducidos a varios idiomas, este outono sairán as versións en
portugués de Cartas de inverno e Rapazas, O laboratorio
do doutor Nogueira e a obra Cos pés no aire, gañadora
do Raíña Lupa. ¿Como se che ocorren as ideas
para as novelas? No meu caso, non é nada orixinal. As ideas
véñenme dun xeito natural, como pode vir a chuvia cada pouco, sen
que teña que facer un esforzo especial por buscalas. É certo que,
ás veces, escavo deliberadamente nunha veta onde sei que podo atopar bos
materiais (coma tal, os anuncios por palabras dos xornais, que están na
orixe de libros como Contos por palabras ou Amor dos quince anos,
Marylin), pero non é o habitual. Logo, cando reflexionas sobre esas
ideas, descobres que a súa raíz sempre está nalgunha
vivencia (lecturas incluídas) ou nalgunha cuestión que che
interesa especialmente (o futuro da lingua, en O centro do labirinto; a
reivindicación coeducativa en Rapazas). Con todo, unha vez
decidida a historia, a miña preocupación principal está
nas estratexias narrativas que debo utilizar para contala. Iso si que case
sempre me obriga a un proceso de reflexión e mesmo a ensaiar diferentes
camiños, na procura do que sexa máis axeitado.
¿Cantas horas traballas ao día? O primeiro borrador
dos meus libros, moi esquemático e incompleto, escríboo sempre a
man, no tempo das vacacións, porque para sentirme a gusto nese proceso
de creación necesito ter a cabeza libre doutros mesteres. Eses
días podo escribir dúas ou tres horas diarias, aínda que
non teño unha regra fixa. Despois, o proceso de darlle forma a ese
borrador, que é a parte longa e dificultosa do traballo, ocúpame
varios meses; nese tempo vou traballando aos poucos, en función do tempo
libro do que dispoña. ¿Que necesitas para traballar?
¿Tes algunha manía? |
Cando estou escribindo o primeiro borrador
necesito tranquilidade e silencio, que tamén veñen ben para as
fases posteriores, pero xa non son imprescindibles. En canto ás
manías, por exemplo, preciso escribir os meus borradores en cadernos de
papel satinado (se é de cor amarela, mellor), para que a man e o
rotulador se movan sen dificultade. ¿Que tal te levas co
ordenador? De marabilla. Sería complicadísimo traballar
sen el (e ben lembro os tempos en que utilizabamos a máquina de
escribir). A facilidade para corrixir e manipular os textos todo canto queiras
é algo impagable, ademais doutras vantaxes menores. Cando
tes escrita unha obra, ¿a quen lla dás a ler? Case sempre
lla dou a unha boa amiga miña, moi crítica con todo o que fago.
Esa crítica sincera, aínda que me poida molestar nun primeiro
momento, éme moi beneficiosa porque me axuda a corrixir defectos que eu,
como autor, pasara por alto. Ademais, acostumo deixar que o libro apouse uns
meses para poder logo corrixilo con esa ollada nova que só dá o
paso do tempo. ¿Que libro che gustaría
escribir? Gustaríame escribir un libro que provocase nos
lectores algunha emoción semellante á que provocaron en min
algunhas obras inesquecibles (e penso, cinguíndome deliberadamente
só ao eido da literatura infantil-xuvenil, en títulos como Ben
quere a Ana (Peter Härtling), Rebeldes (Susan
Hinton), Pequenos vagabundos (Gianni Rodari) ou Cando
Hitler roubou o coello rosa (Judith Kerr). ¿Cal
é o teu libro de cabeceira? Non teño exactamente libros de
cabeceira, pero si autores aos que me gusta volver unha e outra vez. Case
sempre son nomes que foron moi importantes nalgún momento da miña
vida como lector: Kafka, Valente, Méndez
Ferrín, Hammett, Lovecraft, Stevenson,
Cortázar... Dos máis actuais gústame Paul
Auster e algúns dos narradores galegos de hoxe. E logo está a
banda deseñada, unha lectura imprescindible desde hai moitos anos
(Miguelanxo Prado, Enki Bilal, Hugo Pratt...).
Para ser escritor, ¿hai que ser un bo lector? É unha
condición esencial, porque ler e escribir son como dúas caras
dunha mesma moeda. Cómpre ler, empaparse de historias, e tamén
darlles a volta e descubrirlles as costuras. Aínda que hai un bo mangado
de obras imprescindibles, tamén é bo deixarse levar polos propios
gustos e non ter reparo en ler de todo. ¿Que recomendas aos
que queren ser escritores? Cada vida ten moito de aventura persoal e
única, pero, xa postos, creo que cómpren altas doses de traballo
e constancia, porque escribir leva tempo, esixe esforzo e paciencia para
traballar o texto ata conseguir algo que te deixe satisfeito. |