María Pilar Jiménez Aleixandre (Madrid, 1947; galega polo menos desde 1973 ) exerce profesionalmente como profesora de Didáctica das Ciencias e Educación Ambiental na Universidade de Santiago de Compostela. Desenvolve unha intensa actividade cultural colaborando en diversas revistas literarias e foros científicos. Desde un profundo compromiso coa cultura e a lingua galegas participa tamén en diferentes espacios asociativos. Pero o seu principal campo de intervención social é a literatura. Con A compañía clandestina da contrapublicidade acadou o Premio Álvaro Cunqueiro de novela 1998. A súa obra literaria infantil-xuvenil recibiu destacados galardóns como é o caso de A expedición do pacífico (1994) (Premio Merlín e Premio da Crítica á creación literaria en galego, que por primeira vez recaeu nun libro xuvenil e nunha muller) ou O trasno de alqueidón (Premio Rañolas de literatura infantil-xuveni 1997)

barra
CANDO A AUTORA FALA DE SI
barra

Cando eu era nena en Madrid, onde nacín, aínda había máis persoas que coches, ó revés do que sucede agora.
O meu pai nacera en Córdoba, a miña nai era de familia valenciana e, cando fixen oito anos era a máis vella de seis irmáns e sobrevivira xa a nove mudanzas de casa, incluída unha entre dous continentes. Supoño que debido a iso collín certa afición ás viaxes e, en canto rematei o bacharelato, dediqueime a percorrer Europa en auto-stop e traballei en varios países para aprender linguas distintas. Iso nos veráns, e nos invernos, para descansar, estudiaba bioloxía e corría nas manifestacións, que ían os últimos anos sesenta.
Despois viñen a Galicia e fun seducida a partes iguais pola baía de Vigo e por Ramón Facal. Xunto con el seguín descubrindo lugares novos, mentres nos invernos, para descansar, daba clase no Instituto Castelao de Vigo, onde aprendín moito dos estudiantes que pasaban por alí. Nos últimos catro anos traballei en tres cidades distintas en cousas diferentes, aínda que sempre relacionadas co ensino das ciencias.
Nunca fixen moitas diferencias entre os libros xuvenís e os outros. Ós trece anos o que máis me gustaba era "A Illa do Tesouro", "A Ilíada" (nunca puiden comprender por qué os libros de literatura dicían que era máis amena a "Odisea") e os tebeos de Supermán. Agora son fan de Enki Bilal, de Christine Nöstlinger e da ciencia-ficción. Tamén me gusta o cine negro americano e se tivese que escoller unha película dos anos oitenta quedaríame con "Blade Runner".
Cando era nena soñaba con viaxar á illa de Xava (saía nas novelas de Salgari), a Nova York (onde escribín algúns capítulos de "A Formiga Coxa"), e ó Amazonas. Xa estiven nos dous primeiros sitios, e espero ir ó terceiro, pero conste que algunhas das miñas viaxes máis fermosas fíxenas sen moverme da mesa onde escribo, fronte ás illas Cíes.

(A formiga coxa. Col. Merlín, Eds. Xerais. Vigo, 1989)


Volver